Veraleza e Termaria súmanse á campaña de vídeo-experiencias divulgadoras das TIC lanzada por AMTEGA

luns, 3 de outubro do 2016 Redacción

O Centro Demostrador TIC da axencia AMTEGA puxo en marcha unha iniciativa divulgativa de interese para as nosas empresas, sobre todo para aquelas que estean entrando nun proceso de dixitalización dos seus recursos (ou a piques de facelo). Trátase dun ciclo de vídeo-experiencias no que directivos e responsábeis de PEME de todos os nosos sectores relatan as vantaxes que lles supuxo adoptar as novas tecnoloxías nos seus negocios. A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia ten previsto o lanzamento dunha ducia de pílulas audiovisuais divulgativas. A día de hoxe (comezos de outubro) xa están dispoñíbeis oito, logo da incorporación moi recente de Veraleza e Termaria. O seu obxectivo: facer un chamamento-convite para que as PEME pendentes de dixitalizárense, anímense a facelo. Podemos ver as experiencias na canle de AMTEGA en YouTube.
Alén de contribuír ao afianzamento das TIC no noso tecido produtivo, o que busca esta campaña é “difundir como a transformación dixital das empresas axuda a mellorar a súa eficiencia e a súa competitividade”. Como dixemos, as dúas últimas PEME en incorporarse (que non as derradeiras) a esta estratexia colectiva de divulgación son Veraleza (compañía de flores e plantas con sede en Tomiño que opera en España e Portugal), e Termaria (centro adicado ao lecer, a relaxación, o deporte e a saúde situado na cidade da Coruña).
Veraleza narra no seu vídeo como o emprego de Facebook lle está a axudar como canle para captar potenciais clientes na organización de eventos. No caso de Termaria, está a empregar unha solución tecnolóxica que lle permite reducir os custos enerxéticos e reducir o impacto ambiental.
Este ciclo, que ten previsto publicar un total de 12 vídeo-experiencias, ten como obxectivo “impulsar o emprego dixital e as novas tecnoloxías a través de casos de éxito reais de empregas galegas”.
Até o momento, amais de Veraleza e Termaria, un total de seis PEME expuxeron xa o proceso e as vantaxes de incorporar solucións tecnolóxicas nos seus modelos de negocio. Segundo reflicte a axencia AMTEGA, “trátase de pezas breves en formato de entrevista, nas que un directivo da empresa conta en primeira persoa que tipo de solución TIC integrou de maneira satisfactoria no seu negocio e como favoreceu a mellora e o bo funcionamento do mesmo”.
O ciclo recolle experiencias de diferentes sectores:
Gadiex Placotec, con sede en Vigo e dedicada ao illamento e tabiqueiría seca de distribución, conta no seu vídeo como a implantación de OwnCloud favoreceu a mellora e o bo funcionamento do seu negocio.
Pola súa banda, SienteGalicia, portal adicado á venda de escapadas, vacacións e experiencias de lecer, e Viña Costeira, adega de viticultores localizada en Ribadavia, explican como a implantación dun sistema CRM axudou a mellorar os beneficios das súas empresas.
Por outro lado, Todotaladros.com, radicada na localidade de Sada, comparte na vídeo-experiencia os beneficios que supón ter un socio tecnolóxico que lle dea soporte á empresa en materia TIC.
No caso de LV Vogue, empresa de calzado que naceu na Coruña pero que xa conta con sedes nas principais cidades galegas e mesmo fóra de Galicia, o seu vídeo fala da importancia da mercadotecnia dixital para mellorar o servizo e gañar máis clientes.
Viña Costeira, recoñecida Adega do Ribeiro, tamén participa nesta iniciativa compartindo a súa experiencia na utilización de solucións tecnolóxicas para mellorar a calidade da uva dos seus viñedos.
A maiores, TGM Toldos Gómez, situada en Arzúa, narra na súa vídeo-experiencia as vantaxes do emprego de dispositivos móbiles para os seus comerciais, integrados cun programa de xestión ERP.

PUBLICIDADE