Venden Digg por só medio millón de dólares

venres, 13 de xullo do 2012 Marcus Fernández

Matt Williams, quen era o director xeral de Digg dende 2010, xunto con Kevin Rose, un dos fundadores do proxecto

Os agregadores de novas non xerárquicos como Chuza! ou Menéame teñen o seu máximo expoñente no norteamericano Digg, lanzando hai 7 anos, tempo no que superou os 28 millóns de historias publicadas e os 40 millóns de comentarios, converténdose nun referente na Rede que foi perdendo folgos nos últimos anos, de xeito que vén de ser vendida a Betaworks por unha cantidade que podería estar no contorno dos 500.000 dólares, o que contrasta co seu momento de máximo esplendor, cando a compañía estaba valorada en máis de 160 millóns dólares (e rexeitara ofertas de compra millonarias, entre as que comentábase que estaba Google cunha proposta de adquisición por 200 millóns de dólares).
Agora agárdase que Digg pase a integrarse con News.me, un produto de Betaworks que conta con aplicacións para iPad e iPhone e un servizo de alertas por e-mail, pasando a dirección de Digg a mans de John Borthwick, director xeral de Betaworks, compañía que asegura que van devolver a Digg aos seus raizames, cun equipo cativo (veñen de contratar á metade do persoal técnico de Digg), un orzamento reducido e ciclos de traballo rápidos.
O feito de que Digg fose vendida de saldo non é ningunha sorpresa, sumándose ao cada vez máis grande grupo de proxectos de éxito na Rede que non conseguen manter o seu pulo, o que no caso de Digg parece provocado claramente por varios redeseños consecutivos que non foron do agrado dos seus usuarios (derrubándose a súa audiencia como consecuencia directa), así como pola emerxencia de Facebook e Twitter, ante os que non souberon reaccionar axeitadamente.
ACTUALIZACIÓN: Aínda que a cantidade pagada por Betaworks si parece estar entre os 500.000 e os 725.000 dólares, detallan que realmente tal cantidade non correspondería á compra total de Digg, pois a compañía xa tería vendido 15 patentes de Digg a LinkedIn por uns 4 millóns de dólares e The Washington Post tamén pagou uns 12 millóns de dólares por facerse con parte do seu equipo.