Vegalsa-Eroski bota man das TIC para xestionar o aforamento nos seus establecementos

mércores, 27 de maio do 2020 Sonia Pena

As novas tecnoloxías foron importantes antes de desescalada e son tamén cruciais para o inicio da desescalada. Xa entrados nesta fase II do proceso, algunhas empresas da nosa terra están a converterse en referentes no uso das novas ferramentas para optimizar a volta á normalidade e facelo nas mellores condicións de seguridade para todas as persoas implicadas: traballadores e clientes. É o caso de Vegalsa-Eroski, que aplicou un proxecto tecnolóxico para xestionar o control de aforamento nos seus supermercados.
Trátase dunha iniciativa piloto habilitada inicialmente no establecemento Eroski Center de Pérez Cepeda, en Coruña, consistente nun sistema de cálculo de persoas a través de sensores 3D que ten a capacidade para facilitar as compras e garantir, tamén, a seguridade das persoas que están dentro do supermercado. A conta pon en xogo unha pantalla de aviso con información en tempo real da capacidade dispoñíbel do supermercado así como aviso automático en local se se supera o número máximo de clientes permitido.
Segundo informa a compañía galego-vasca alimentaria, trátase “dunha solución cunha precisión de cálculo de máis do 99%”, que consta de sensores 3D que se instalan nas portas e no teito para levar a cabo, con visión en estéreo, unha análise precisa da actividade que se desempeña dentro da tenda.
“Este sistema”, engade a compañía, “permite cubrir áreas de até 100 m2 por sensor, dando resposta ao control de aforamentos nos accesos e á xestión de colas”. A privacidade dos clientes garántese co procesamento interno das imaxes: este proceso faise dentro de cada sensor, polo que non é precisa a transmisión de vídeo (polo que as persoas móstranse tan só como obxectos en movemento).

PUBLICIDADE