Ve a luz a versión preliminar de Office para Windows 10

mércores, 4 de febreiro do 2015 Marcus Fernández

Microsoft anunciou hoxe un grande avance de cara ao futuro ecosistema de Windows, que consiste na publicación das aplicacións de universais de Word, Excel, PowerPoint, Outlook e OneNote para Windows 10, de xeito que os usuarios que están a probar a versión preliminar do vindeiro sistema operativo de Microsoft poden descargar de balde estas aplicacións ofimáticas para comprobar en primeira persoa as súas posibilidades.

As novas aplicacións funcionarán en ordenadores, tabletas e smartphones

Ao estarmos ante aplicacións universais temos que a súa interface pode funcionar sen problema en equipos informáticos, pero tamén en tabletas e en smartphones, o que dá a entender que a versión preliminar de Windows 10 para teléfonos sairá en breve, para que así os participantes no programa Windows Insider poidan probar as bondades de gozar dunha mesma aplicación en dispositivos moi diversos, vendo como o software se adapta a cada contorno.
Cómpre matizar que Office para Windows 10 será un conxunto de aplicacións de balde que incluirán os equipos e dispositivos con Windows 10, ou sexa, que serían como as actuais aplicacións de Office para iOS e Android, con funcionalidades básicas e optimizadas para un control táctil, que non chegarían a ser un substituto do futuro Office 2016, que ofrecerá unha experiencia máis completa e profesional, e que non verá a luz até a segunda metade do ano.


Vídeo no que adiantan numerosos detalles de Office para Windows 10

PUBLICIDADE