Vázquez-Figueroa quere revolucionar o mundo do libro coa súa última obra

xoves, 19 de xullo do 2007 Marcus Fernández

O escritor canario Alberto Vázquez-Figueroa, para amosar a súa insatisfacción do actual sistema editorial (que entre outras cousas fai que a Facenda se quede coa metade dos seus beneficios) decidiu ofrecer na Internet a súa última novela, Por mil millones de dólares, que se pode descargar de balde en formato PDF (de só 610 Kbytes de peso) e mesmo convida ós xornais e revistas a ofrecelo por entregas durante este verán.
Pero esta arriscada operación non suprimirá o libro tradicional, que tamén sae en edición de luxo (a 20,25 euros) e de peto simultaneamente, no que supón unha aposta de Vázquez-Figueroa pola fidelidade dos seus lectores (sen discriminalos segundo o seu poder adquisitivo).

Portada do último libro de Vázquez-Figueroa

O autor asegura no seu blog que continuará esta política de publicación cos seus seguintes libros, e critica que os editores se queixen da pouca lectura mentres manteñen un férreo control sobre o prezo do que interesa a cada momento. Pensa que hai que forzar a que os editores oferten produtos culturais para tódolos petos, especialmente porque o público de pouco poder adquisitivo é máis numeroso, polo que aínda que produza menos beneficios fai máis adeptos.
Sobre a descarga de balde da Internet, Vázquez-Figueroa di estar seguro de que “quen o descargue da Rede nunca tería mercado a miña novela, ou sexa, que prefiro que me lea gratis a que non me lea” pois coida que iso podería fomentar a lectura futura (tanto doutro libro do autor como de calquera outro texto).
No tocante ó lanzamento simultáneo en 3 formatos (dixital, luxo e peto) o escritor canario convida a reflexionar sobre o tema establecendo un paralelismo co cine, pois antes as películas se estreaban en grandes salas, e tras uns meses pasaban ós cines de barrio, mentres que agora se estrean en moitas multi-salas e pasa logo ó DVD e á televisión a unha velocidade abraiante, o que supón un cambio no sistema de comercialización que debería imitar o mundo do libro, que permanece impasible con políticas que só permiten edicións económicas dos libros anos despois dunha primeira edición en tapa dura, aínda que advirte que este luxo se pode manter só grazas á que os piratas do Top Manta aínda non ven rendible a literatura para as súas actividades.

PUBLICIDADE