Varios televisores de Samsung permiten facer videochamadas por Google Duo

martes, 21 de setembro do 2021 Marcus Fernández

Samsung está a anunciar que os seus televisores Samsung Neo QLED, QLED 2021 e The Frame 2021 permiten a realización de videochamadas dun xeito doado e con calidade a través de Google Duo, o que permite conversar con até 32 participantes para o que simplemente é preciso conectar unha webcam compatible (como serían as célebres Logitech C920, C920s, C920-C, C922, C922x, C925e, C930e, C930C e StreamCam).
Deste xeito, os televisores de Samsung permiten realizar videoconferencias en pantallas de grande tamaño se conectamos unha webcam por USB a través da aplicación Google Duo, que teremos que ter instalada no noso smartphone, xa que será dende este trebello dende o que teremos que iniciar sesión e elixir os usuarios cos que queremos conversar, aínda que posteriormente será posible seleccionar directamente os contactos directamente na aplicación de Google Duo do televisor (que gardará os contactos utilizados e a actividade recente para poder axilizar a realización de videochamadas futuras).
Dende Samsung destacan que os seus televisores Neo QLED 8K dispoñible da función Multi View que permite dividir a pantalla até en 4 partes, para poder gozar de distintos contidos simultaneamente, o que podería empregarse para, por exemplo, ver un partido de fútbol mentres vemos os comentarios en redes sociais e conversamos cun amigo.

PUBLICIDADE