Varios produtos de Xiaomi obecederán ao Asistente de Google

venres, 11 de maio do 2018 Marcus Fernández

Durante o Google I/O adiantouse que este ano teremos en España os altofalantes conectados Google Home e Google Home mini, ou sexa, que o Asistente de Google comezará a operar en español en trebellos conectados, pero a cousa non remata aí, senón que Google tamén está a colaborar con outros fabricantes para a integración dos seus produtos co seu servizo de asistente. Nesta liña temos que Xiaomi vén de confirmar que distribuirá en breve nos EE.UU. (e presumiblemente tamén en España cando o servizo estea dispoñible) unha serie de produtos compatibles co Asistente de Google: a Mi Bedside Lamp (unha lámpada para o dormitorio con cores axustables que pode controlarse mediante un panel táctil e agora tamén por voz grazas ao Asistente de Google), a MI LED Smart Bulb (unha lámpada conectada que cambia de cor, que agora poderase controlar coa voz) e o Mi Smart Plug (un adaptador para acender ou apagar dispositivos non conectados, que normalmente contrólase a través dunha aplicación móbil).
Temos así que cada vez será máis asumible a incorporación ao ámbito doméstico de dispositivos que podamos controlar en rede, podendo atender o seu funcionamento a certas programacións, pero tamén obedecer á nosa voz, sen complicadas configuracións e coas facilidades que achegan os asistentes actuais.

PUBLICIDADE