Varias iniciativas tecnolóxicas amosaranse ao público durante o Culturgal 2015

venres, 4 de decembro do 2015 Marcus Fernández

O Pazo da Cultura de Pontevedra será o escenario da cita anual da cultura galega até o vindeiro domingo, con milleiros de persoas visitando o enclave para celebrar o Culturgal 2015, que nesta edición conta con 81 entidades expositoras e máis de 120 actividades programadas oficialmente.
Esta Feira das Industrias Culturais ten entrada de pagamento (a prezos populares: 2 euros para adultos e 1 euro para menores de 12 anos) e a súa programación repártese en seis espazos temáticos en paralelo (foro, música, espazo foro, infantil, audiovisual e profesional) non faltando actividades do ámbito tecnolóxico, como unha conferencia de introdución á impresión 3D impartida por Enrique Otero Neira de Brinka3D (que terá lugar o sábado ás 17:00 horas); a presentación dos catálogos de libros electrónicos de varias editoriais galegas (o sábado ás 11:45 horas); un relatorio de introdución á creación de contidos en YouTube por JairoVlogs (o sábado ás 18:30 horas); a presentación da segunda edición do festival Boom! Film & Comic, no que teñen cabida os videoxogos, por parte do seu director, Jesús Ari (o sábado ás 20:30 horas); a presentación do libro+web Pito Galego por Moisés Quintas de Ouvirmos (o domingo ás 13:30 horas); e a presentación da mercadotecnia do PuntoGal elaborada por Rei Zentolo para celebrar o primeiro aniversario da apertura do dominio .gal (acto que se desenvolverá o domingo ás 18:00 horas).
Cómpre lembrar que entre as entidades organizadoras do Culturgal figura EGANET, deixando claro que o sector TIC ten un peso importante nas industrias culturais.

A tecnoloxía leva anos tendo un importante rol no Culturgal

PUBLICIDADE