Varias aventuras gráficas de Telltale súmanse a un Humble Bundle
xoves, 30 de maio do 2013
- A aventura gráfica de Regreso ao Futuro chega a un Humble Bundle semanal
Esta semana demos conta do
oitavo lote de xogos independentes recompilados por The Humble Bundle, no
que é un dos mellores paquetes comercializados ata o momento mediante esta
fórmula na que o usuario decide a cantidade que paga polos xogos, deixando unha
parte para a caridade, que en menos de dous días superou os 1,3 millóns de dólares
recadados, pero esta promoción vixente durante dúas semanas ten unha oferta
paralela dende a semana pasada, o The
Humble Weekly Sale, que vén de renovarse cun lote moi atractivo no que
ofértanse varios xogos de Telltale Games para Windows e OS X (neste último
caso, só os xogos dispoñibles para Mac) que para quen pague máis de 1 dólar,
aparte da súa descarga sen DRM, tamén poderá gozar dun código para o seu
canxeo en Steam.
Os xogos que durante unha semana estarán de oferta son as aventuras gráficas Back to the Future: The Game (adaptación
dos filmes de Regreso ao Futuro), Sam & Max: Devil’s Playhouse, Hector: Badge of Carnage!, Poker Night at the Inventory, Puzzle Agent 1 & 2 e Wallace & Gromit’s Grand Adventure,
aos que sumarase un dos mellores xogos do ano pasado no caso de pagar unha
cantidade superior á media (3,90 dólares no momento de escribir estas liñas),
que non é outro que o galardoado The
Walking Dead, que corresponde a unha primeira tempada dun xogo episódico
inspirado na creación de Robert Kirkman. Unha oportunidade difícil de resistir
para calquera afeccionado ás aventuras gráficas, especialmente se temos en
conta que xogos como The Walking Dead
e Back to the Future: The Game teñen
prezos de 24,99 euros cada un, o que dá a entender que estamos ante unha ganga irrepetible.
Trailer da aventura gráfica de The Walking Dead