Varias aplicacións moi populares tomaban capturas de pantalla do móbil dos usuarios

venres, 8 de febreiro do 2019 Marcus Fernández

The App Analysis fixo público que as aplicacións para iOS que facían uso do sistema de analíticas de Glassbox Digital, como Air Canada, Abercrombie & Fitch, Expedia ou Hotels.com, estaban a tomar capturas de pantalla do smartphone xunto a información confidencial dos usuarios e sen advertir de tal práctica.
O caso analizado de xeito pormenorizado por The App Analysis é o de Air Canada, constatando que a ferramenta de Glassbox tomaba capturas de pantalla durante o uso da súa aplicación móbil cun mal sistema de ocultación da información persoal, incluíndo información de métodos de pagamento, de xeito que non só estarían a vulnerar a privacidade dos usuarios, senón tamén as normas da industria de tarxetas de pagamento (que prohibe o almacenamento de contrasinais).
TechCrunch continuou esta investigación, deixando en evidencia o uso de Glassbox por parte de bastantes compañías, lembrando que este tipo de ferramentas non cumprirían as normas da App Store, e tras publicarse esta mala práctica, dende Apple contactaron cos usuarios da ferramenta de Glassbox para instarlles a modificar as súas aplicacións en menos de un día, ou borraríanas da App Store por vulnerar as súas normas, xa que recoller información dos dispositivos dos usuarios de xeito oculto está totalmente prohibido.

PUBLICIDADE