Valkyria Chronicles 4 terá versións para PS4, Xbox One e Nintendo Switch

luns, 20 de novembro do 2017 Marcus Fernández

A saga Valkyria Chronicles vai ter unha nova entrega en 2018, segundo vén de anunciar SEGA, compañía que confirma que este capítulo principal da saga terá versións para PlayStation 4, Xbox One e Nintendo Switch, de xeito que chegará a un amplo número de xogadores seguidores desta franquía.
Valkyria Chronicles 4 contará cun refinado sistema de batalla con toques de xogo de rol táctico, presentará un estilo artístico a xeito de pintura a acuarela e cunha historia inspirada na Segunda Guerra Mundial, na que teremos un continente europeo ficticio no que están a loitar a Federación Atlántica e a Autocrática Alianza Imperial do Este. Neste contexto ponse en marcha a Operación Cruzo do Norte nun desesperado intento por capturar a capital imperial e rematar coa guerra. Esta misión correrá a cargo do Comandante Claude Wallace e os seus leais amigos da infancia do Escuadrón E (Riley Miller, Darcsen Raz e Kai Schulen), que terán que soportar a dureza dos elementos, as hordas de soldados imperiais e a terrible Valkyria.
Este novo xogo fai uso dun sistema de batalla BLiTZ de nova xeración, que é unha mestura de xogo de estratexia por quendas, xogo de rol e shooter en tempo real en terceira persoa. O seu apartado visual tamén será destacable, cos seus debuxos en acuarela e o uso do motor gráfico CANVAS; e tamén regresa Hitoshi Sakimoto, compositor orixinal da saga Valkyria Chronicles, para acompañar cunha banda sonora orquestral esta nova entrega.

O xogo presentará unha estética visual curiosa ao combinar un estilo gráfico baseado en debuxos a acuarela

Tráiler da presentación europea de Valkyrie Chronicles 4

PUBLICIDADE