Valentín García alenta ás novas xeracións a empregar o galego no eido dixital
mércores, 16 de maio do 2018
A
nosa terra ten
a sorte de poder celebrar o coñecemento e a comunicación universal
o mesmo día en que conmemora a súa cultura, o idioma e
a
identidade de
seu.
E viceversa: temos a fortuna de festexar o Día das Letras Galegas na
mesma xornada en que conmemoramos o Día de Internet (tamén o 17 de
maio). Estas son cuestións importantes que guindan unha serie de
claves que se cadra nós sós, dende Código Cero, non damos
interpretado na súa totalidade. Para axudarnos contamos neste número
co secretario de Política Lingüística, Valentín García.
Velaquí o que nos conta.
-Un
ano máis, aproxímase a celebración do mes das Letras Galegas e as
entidades máis directamente implicadas, sexan da índole que sexan,
comezan a pechar fileiras arredor dunha arela común: que o de noso,
o que nos identifica, estea vivo e perdure. Que
ten programado o departamento que vostede dirixe para conmemorar a
nosa cultura e, tamén, para conmemorar a outra gran celebración que
se festexa o vindeiro 17 de maio, o Día da Internet?
-A recente celebración en Pontevedra da xornada Día das Redes
Galegas, en que colaboramos coa Universidade de Vigo, forma parte das
celebracións das Letras, para as que temos múltiples iniciativas,
demasiadas para que se poidan facer todas o propio 17 de maio.
Incluso o Mes das Letras nos queda un pouco pequeno, así que xa hai
tempo que a programación da Xunta para as Letras Galegas abrangue
todo o ano.
Xa
en abril inaugurouse
a exposición Paisaxes e
personaxes, que
percorrerá once concellos galegos ata decembro. É unha mostra moi
bonita, comisariada por David Pintor e completada polos ilustradores
Nuria
Díaz, Lucía Cobo, Xan López Domínguez, Jacobo F. Serrano, Jacobo
Muñiz, Mari Fe Quesada, Bea Lema e Dani Padrón, que dan a súa
visión de diferentes obras de literatura infantil e xuvenil de María
Victoria Moreno. Tamén
se distribuíron en centros educativos, concellos da Rede de
Dinamización Lingüística ou Centros de Estudos Galegos de
universidades de Europa e América as exposicións gañadoras do
concurso escolar que convocamos todos os anos para difundir a vida e
a obra dos homenaxeados. Ambas as exposición están a disposición
do profesorado, do alumnado e da cidadanía interesada en xeral no
Portal da Lingua Galega, xunto con moitos outros materiais, a maioría
deles dixitais, interactivos e creados polos equipos de dinamización
da lingua galega, que coordina a Secretaría Xeral de Política
Lingüística.
-Cre
vostede que unha lingua coma a nosa ten futuro sen contar coas
ferramentas da sociedade dixital? Cónstanos que algúns
especialistas en materia de comunicación esgrimen o argumento de que
se o galego foi quen de chegar aos nosos días, non será preciso que
entre en xogo ningún factor relacionado coas tecnoloxías da
información para proseguir no mesmo camiño....
-Iso
é o que en sociolingüística se chama “conxectura de eternidade”,
a idea de que todo seguirá igual e os grupos sociais que
tradicionalmente falaron o galego seguirán facéndoo polos
séculos dos séculos de maneira natural, igual que seguen medrando
as árbores e cantando os paxaros.
É unha idea inxenua que a realidade desminte, sobre todo nunha
sociedade dixital coma a nosa en que os cambios son acelerados e, dun
día para outro, podes atopar mudanzas en aspectos da cultura e das
relacións sociais que antes cambiaban moi lentamente. Se
todo se transforma arredor e a lingua queda á marxe desa
transformación... pode seguir sendo útil, sendo usable?
Dixen
que era unha visión inxenua
e a verdade é que coido
que, ata certo punto, tamén
é cómoda: se penso que a
lingua se vai manter por si mesma, xa non teño que facer nada para
garantir a súa continuidade. En realidade, todos os galegos temos
unha responsabilidade no presente e no futuro do idioma propio de
Galicia. Se o falamos e se o usamos en ámbitos e canles diversas,
tamén nos propios da sociedade dixital, estaremos contribuíndo á
súa vitalidade. Se xeramos ferramentas que permitan que outros
usuarios lean, escriban ou falen o galego, o mesmo. Se
facemos o contrario, estaremos pechándolle as portas do futuro ao
galego.
-Pola
contra, os expertos reunidos os días pasados no Día das Redes
Galegas, celebrado no Campus de Pontevedra, entre os que vostede se
atopaba, semellaron coincidir en que da confluencia entre o galego e
as novas ferramentas só poden saír boas oportunidades para todos os
elementos implicados: galego, novas ferramentas e comunidade de
usuarias e usuarios. Sitúase vostede nesta liña? Cre vostede que o
galego, para ser unha lingua normal, ten que estar nas redes sociais?
-Absolutamente.
Entre outras cousas, porque as redes sociais son actualmente o espazo
máis importante de relación que ten a mocidade e a mocidade é
imprescindible para que a nosa lingua se fale tamén o día de mañá.
Soa tópico, pero nela está o futuro. No Plan
de dinamización da lingua galega que
se está elaborando temos isto moi presente.
- O secretario de Política Lingüística na celebración en Pontevedra do Día das Redes Galegas
-Recentemente
Política Lingüística colaborou coa asociación Puntogal para, por
unha banda, celebrar o Día do Libro e, pola outra, estimular a
creación de máis dominios galegos. Visto até o de agora e co gallo
desta nova colaboración, que balance faría vostede do acadado até
o presente pola asociación e o Goberno galego en materia de
dinamización do .gal? Que dimensión considera que adquire para nós
e para o futuro da nosa cultura o feito de contarmos cun dominio
propio?
-Puntogal
creouse en decembro de 2014, en decembro de
2017 había
máis de 4.300 dominios activos e
o pasado mes de abril xa se superaban os 4.800. O
crecemento dos dominios .gal foi ata agora algo
lento,
pero constante, así que estamos satisfeitos do camiño andado ata
aquí e claramente comprometidos, como ata agora, co seu futuro.
O
dominio .gal é fundamental para darlle unha maior visibilidade á
sociedade galega, á súa cultura e á súa lingua. Lembre que xa o
Plan xeral
de normalización
da lingua
galega
sinalaba como un dos problemas do galego a súa ocultación, que
podemos explicar así: hai máis galego e máis galegofalantes dos
que a primeira vista se ven, porque moita xente que usa esta lingua
no seu ámbito privado non o fai de primeiras no público, ante
descoñecidos. O dominio .gal axúdanos a mostrar
o galego como o que é, unha lingua con vitalidade e con futuro, da
que os galegos nos sentimos orgullosos
e que serve para desenvolverse en todos os ámbitos da vida, incluído
o
dixital, que tanta presenza ten na nosa vida diaria actualmente.
-A
mediados de abril presentouse o documento marco do que vai ser o
primeiro Plan de Dinamización da Lingua Galega na Mocidade. Fálenos
brevemente deste plan e dos seus obxectivos? Hai sitio para as redes
e as comunidades dixitais neste novo roteiro en preparación? Para
cando estará operativo?
-A
idea é aprobar este plan contra finais de ano no Parlamento de
Galicia e, a partir de aí, empezar a aplicalo. O Plan
de dinamización da lingua galega na mocidade desenvolverá
e actualizará as directrices do Plan
xeral de normalización da lingua galega para
este sector social. En consonancia con el, os obxectivos estratéxicos
que persegue, e que se concretan en diferentes obxectivos operativos,
son potenciar o uso do galego como lingua de relación na mocidade
galega; garantir que en galego haxa unha oferta ampla, diversificada,
competitiva e atraente de produtos de cultura e de lecer e mais
fomentar todo tipo de creatividade, experimentación e innovación de
base en galego.
Por
suposto, as redes e as comunidades dixitais van ter un espazo
importante no texto final. De feito, no
Documento marco xa
se establecen as áreas en que se vai estruturar o plan e unha delas
é Comunicación
dixital e redes sociais.
Nela incluiranse medidas como potenciar as redes sociais como canle
prioritaria de divulgación das campañas da Administración
destinadas á mocidade ou apoiar, recoñecer, premiar e difundir os
proxectos dixitais que publican integramente en galego.
Aproveito
para animar a todas aquelas persoas vencelladas dalgún xeito ao
ámbito da mocidade a presentar as súas achegas, tanto neste ámbito
da comunicación dixital e das redes sociais coma noutros, a través
dos formularios que teñen no Portal da Lingua Galega:
www.lingua.gal/plan-dinamizacion-lingua-galega-mocidade.