Vagalume desenvolve unha app para aforrar custes e enerxía en instalacións fotovoltaicas

xoves, 4 de xuño do 2020 S. P.

O grupo empresarial enerxético Vagalume Energía vén de presentar a que sería, nas súas palabras, a primeira aplicación online galega destinada a determinar o custo e o aforro dunha instalación fotovoltaica para fogares e empresas. Trátase dunha ferramenta que a través dun algoritmo propio, e empregando a tecnoloxía de cartografía de Google Maps, permite coñecer en “tan só dous minutos” o custo dunha instalación fotovoltaica, o aforro enerxético xerado nun ano e o tempo de amortización da instalación. Esta ferramenta foi presentada por Vagalume Enerxía coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente que se celebra este venres 5 de xuño. Ofrece operatividade tanto dentro da nosa Comunidade como fóra dela.
Respecto do seu funcionamento e das maneiras de tirarlle partido, só hai que realizar catro pasos: definir o tipo de instalación en función de se é, ou non, para un particular, empresa ou comunidade de veciños; situar o enderezo en Google Maps; establecer a superficie do tellado e a súa orientación; e, por último, fixar un prezo orientativo sobre a súa factura da luz. En base a esta información, a ferramenta calcula en poucos segundos o custo da instalación, o aforro anual que se podería ter con ela e os anos de amortización tendo en conta o aforro obtido.
“O autoconsumo de enerxía solar é unha medida que non só respecta ao medio ambiente, tamén é unha forma de aforro enerxético e económico que beneficia ás familias a curto prazo”, explica Vagalume, engadindo que “as instalacións fotovoltaicas son unha alternativa cada vez máis demandada para abaratar a factura da luz grazas ao autoconsumo”.
Día Mundial do Medio Ambiente
Esta ferramenta foi presentada por Vagalume Enerxía coincidindo co Día Mundial do Medio Ambiente. Segundo Alejandro Díaz, conselleiro delegado da compañía, “somos un grupo empresarial enerxético que basea o 100% do seu negocio na eficiencia enerxética e a implantación de enerxías renovábeis, e entre os nosos principais obxectivos atópase o desenvolvemento dun modelo enerxético sustentábel e respectuoso co medio ambiente”.

PUBLICIDADE