VOX recupera a súa canle de YouTube

venres, 21 de xuño do 2019 Marcus Fernández

O pasado martes a formación política VOX denunciaba o peche da súa canle de YouTube como «un grave atentado contra a liberdade de expresión» cando estabamos realmente ante o procedemento habitual ante unha violación reiterada dos dereitos de propiedade intelectual, xa que VOX superara as 3 infraccións de copyright, o que supón a suspensión inmediata de calquera canle de YouTube.
Ante esta situación VOX podía terse defendido das denuncias presentadas contra a súa conta, ou solicitar a retirada das mesmas e, por fortuna para eles, esta última opción prosperou, e unha das reclamacións, presentada pola Cadena SER, retirouse, de xeito que a canle está restituída, aínda que cómpre dar conta de que neste momento están nunha situación crítica na que calquera outra reclamación podería provocar de novo o peche da canle de YouTube.
Dende VOX recoñeceran ter violado o copyright, e aseguraban borrar os contidos tras recibir a reclamación pertinente, pero asegurar que «YouTube decidiu acabar coa liberdade de expresión de VOX» cando no caso en cuestión simplemente atenderon a unha reclamación ante a práctica ilegal de subir a unha canle propia contidos protexidos de terceiros (como vídeos propiedade da Cadena SER) sen a autorización pertinente.
Dende a Cadena SER publicaron un fío en Twitter explicando o acontecido, e deixando claro que dende o medio reclaman automaticamente todo o contido das súas canles que suben a outras contas sen autorización. Lembran que para o peche dunha canle hai que acumular 3 reclamacións, e que no caso da presentada por eles chegaba con responder á mesma pedindo a súa retirada mediante o mecanismo co que conta YouTube. A Cadena SER sostén que en ningún momento pretendía limitar a liberdade de expresión dos representantes de VOX, e asegura que o incidente «é o día a día de YouTube» e incluso a propia canle radiofónica ten que atender reclamacións con frecuencia.
Polo momento non se desvelou cal foron as outras dúas reclamacións pendentes que ten VOX, pero si parece claro que non teñen un expediente moi limpo de cara a YouTube (como queda claro ao verse que perderon o dereito de poder definir miniaturas personalizadas para os seus vídeos), e deberían respectar as normas das plataformas nas que operan en vez de denunciar censuras inexistentes.

PUBLICIDADE