VMK pon á venda o seu tablet Way-C

mércores, 26 de decembro do 2012 Marcus Fernández

Tablet Way-C de VMK

Así como en EE.UU. teñan a Apple, en Asia teñen a Samsung e en Europa temos a Nokia, dende África parece querer emerxer un fabricante de electrónica de consumo, VMK, compañía promovida polo emprendedor congolés Vérone Mankou, que xa conta co smartphone Elikia e co tablet Way-C. Estes novos dispositivos están a chegar ao mercado libre a un prezos duns 129 e 229 euros respectivamente, estando tamén dispoñibles a través de Airtel Congo.
O tablet Way-C funciona con Android 2.3, procesador A8 Cortex a 1,2 GHz, 512 Mb de RAM, 4 Gb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSDHC de ata 32 Gb), pantalla de 7 polgadas cunha resolución de 800 x 480 píxeles, Wi-Fi, batería de 4.200 mAh (o que permitiríalle até 6 horas de autonomía), 1,25 centímetros de grosor e 380 gramos de peso, o que pode parecernos unhas características moi decepcionantes para tal rango de prezo, pero que pode marcar un sendeiro de esperanza para a produción de tecnoloxía dende o continente africano.
O smartphone Elikia sae mellor parado se o comparamos ao que podemos atopar actualmente nas tendas, pois por un prezo bastante axustado ofrece un móbil con Android 2.3.6, cunha pantalla IPS de 3,5 polgadas cunha resolución de 320 x 480 píxeles, procesador a 650 MHz, 512 Mb de RAM, 126 Mb de almacenamento interno (ampliable mediante tarxetas microSDHC de ata 32 Gb), Wi-Fi N, Bluetooth, A-GPS, micro USB, cámaras de 5 e 0,3 Mpíxeles, receptor de radio FM, batería de 1.300 mAh, un grosor de 1,25 centímetros e un peso de 150 gramos, que poderían compararse con terminais europeos como o Alcatel One Touch 990.

Vérone Mankou amosando o smartphone Elikia

PUBLICIDADE