VINCI Tab, o tablet dos máis pequenos

mércores, 3 de agosto do 2011 Marcus Fernández

Parece evidente que deixar que os máis pequenos da casa xoguen cun iPad non é moi recomendable (tanto para os cativos como para o dispositivo) de ai que chegue agora o VINCI Tab, un tablet deseñado para o seu uso por parte de nenos pequenos, que conta cunha pantalla reforzada, esquinas redondeadas e asas para facilitar o seu agarre e protexelo de caídas. Comercialízase cunha serie de aplicacións preinstaladas orientadas a un público infantil, e entendendo que o control dos contidos é unha necesidade para este tipo de trebellos, carece de conectividade sen fíos (para que só poida accederse dende os mesmos aos materiais que autorizasen previamente os pais).
O VINCI Tab mide 25,40 x 18,41 x 1,58 centímetros, pesa 620 gramos, ten unha pantalla multi-táctil de 7 polgadas cunha resolución de 800 x 480 píxeles, opera cun procesador Cortex A8, 512 Mb de RAM, 4/8 Gb de almacenamento interno (segundo o modelo) ampliable mediante tarxetas microSD, cámara traseira de 3 Mpíxeles e capacidade de reprodución multimedia (soportando formatos como MP3, WAV e MP4 (H.264 ata a 720p). Tamén conta con micrófono, botóns para o control de volume e altofalante integrado, estando inicialmente dispoñible con software en inglés, pero agardándose a súa adaptación a outras linguas máis adiante. Dende Amazon xa aceptan encargos para este produto por 389 dólares (271,52 euros).

PUBLICIDADE