Usuarios de sistemas Dell prefiren GNU/Linux

xoves, 22 de febreiro do 2007 Fernando Sarasketa

Se tes unha empresa entre mans e estás afeito a que nesta empresa as cousas saian máis ou menos ben (malia que che saia algún produto certamente explosivo) e a fumarte decote un habano coas pernas enriba do escritorio é moi probable que non esteas na mellor disposición para abordar de xeito tranquilo unha liña estratéxica que (mágoa) non moitas multinacionais abordan: preguntarlles ós clientes a súa opinión sobre o que fabricas e sobre o que fabricarás. É dicir: podes levar máis dunha sorpresa. Isto máis ou menos (se cadra cumpriría aforrarnos a imaxe do conselleiro delegado espatarrado no seu despacho) é o que lle vén de acontecer a Dell, que quixo saber na súa páxina web a natureza de aquilo polo que devecían os seus clientes e descubriu que as súas arelas pasaban polo GNU/Linux. Ou sexa: que o mundo quere software libre nos sistemas de Dell e, seguro que noutros de semellante catadura.
Entre as moitas peticións dos usuarios, Dell tamén rexistrou peticións de sistemas multi-boot de fábrica, unha alternativa para non dispoñer de aplicacións adicionais fóra do sistema operativo, incorporacións de OpenOffice e, por enriba de todas estas suxestións, programa GNU/Linux preinstalado. Neste senso, o abano de posibilidades é amplo, e non se pode dicir que os clientes colleran a teima cun único programa. É dicir, válelles Ubuntu, Fedora Core ou OpenSUSE. O feito é que se rexistraron máis de 20.000 envíos de solicitude de ferramentas Linux incorporadas na mesma fábrica.
Ademais, e para que se entenda até que niveis de demanda está a chegar hoxe en día o software libre, moitos dos clientes que participaron na consulta especificaron que lles parecía máis importante o feito de poder contar co navegador Firefox ou o paquete de ofimática OpenOffice ca outras cuestións relacionadas cos servizos post-venda. Polo momento, non se sabe moi ben que fará Dell con estas inesperadas solicitudes que lle veñen de caer enriba. Se cadra pechará para sempre esta liña estratéxica de falar cara a cara cos clientes ou se cadra fará todo o contrario, apercibíndose de que (como unha desas marabillosas excepcións ó que parece norma de mercado) lle pode saír moito máis barato ter en conta as peticións dos usuarios que ollar cara a outra parte. E unha cousa máis: se Dell elixe o segundo vieiro, é moi probable que o cliente acabe por ver como se reduce o prezo do sistema.
Vímolo tamén en Chuza! e máis en Agnix.org.

PUBLICIDADE