Urbaser introduce o factor smart na xestión de refugallos da man de Microsoft

martes, 4 de setembro do 2018 Redacción

Urbaser, empresa multinacional referente en xestión ambiental e con presenza activa en múltiples concellos galegos, vén de dar un paso importante en materia smart da man do xigante Microsoft, máis en detalle da súa plataforma para a Internet das Cousas, Azure IoT. Segundo nos contan a compañía tecnolóxica e máis Urbaser, a aposta desta empresa polos obxectos conectados responde ao seu interese por atopar “novos métodos de transformar os refugallos en recursos”.
En palabras de Manuel Andrés Martínez, director xeral de Servizos Urbanos, “queremos ofrecer no futuro solucións integradas para os problemas ambientais dentro do marco das Smart Cities e a economía circular”.
Este compromiso coas tecnoloxías máis innovadoras xa se deixa notar dende hai un tempo, por exemplo na aplicación das TIC para fortalecer os seus servizos dentro das distintas verticais do concepto práctico de Cidade Intelixente, procurando eficiencia total na nube e máxima operatividade. O proceso implicou a análise pormenorizada de diferentes opcións de mercado para obter servizos cloud, decantándose Urbaser por Microsoft Azure para a posta en marcha da súa propia plataforma IoT. “As razóns desta decisión son o amplo catálogo de servizos que ofrece e a flexibilidade da arquitectura da súa plataforma”, explican dende Urbaser, que xa está a executar a primeira versión da súa plataforma de Internet das Cousas, que permite xestionar todos os seus activos: a frota de vehículos, os procesos industriais levados a cabo nas súas plantas de tratamento de residuos e auga, e os diferentes activos repartidos na cidade, como os colectores.
A folla de ruta de Urbaser en relación ao IoT (Internet of Things) centrouse inicialmente nos seus servizos urbanos, especialmente na recolección de refugallos e limpeza de rúas, onde se fixo posíbel o seguimento total de vehículos e colectores, a través de sensores conectados, permitindo a transmisión de información á plataforma cloud de Microsoft Azure, e facendo posíbel a creación de sistemas de información en tempo real. “Estes sistemas”, explica o xigante informático, “son utilizados polos xestores dos servizos urbanos para optimizar os recursos adicados a todas as tarefas, maximizando o nivel de servizo á cidade, mellorando as rutas de recolleita, reducindo o nivel de ruído e diminuíndo o consumo de combustíbel e emisións de gas”.
Por outra banda, a información en tempo real recibida dos vehículos ofrece a posibilidade de detectar potenciais avarías e minimizar o número de arranxos e interrupcións do servizo.

PUBLICIDADE