Uploaded.net bota o peche

martes, 29 de novembro do 2022 Marcus Fernández

Unha das páxinas web de descarga de ficheiros máis populares da Internet, Uploaded, que leva anos sendo perseguida xudicialmente pola súa actividade na liña do que no seu día aconteceu con Megaupload, vén de decidir tirar a toalla, e a súa propietaria, a empresa suíza Cyando AG, está a comunicar aos seus usuarios o peche do servizo en poucas horas (está programado para algún momento da xornada de mañá), prazo tras o que se perderán todos os ficheiros hospedados nos seus servidores.
Aínda que na páxina web de Uploaded non publican ningún comunicado, neste momento resulta imposible contratar o seu servizo Premium en ningunha das súas modalidades, dando a impresión de que a compañía quere marchar sen facer ruído e simplemente tivo a cortesía de avisar aos seus usuarios para que poidan facer copias de seguridade dos seus ficheiros.
Sorprende bastante a urxencia do peche do servizo, pero a acumulación de causas en contra de Cyando levaría a compañía a retirarse antes de continuar a agravar a situación. Cómpre lembrar que Uploaded non se limitaba a hospedar arquivos subidos polos usuarios, senón que contaba cun programa de afiliación, ou sexa, que achegaba comisións polos clientes captados, de xeito que indirectamente estaban a incitar a piratería de contidos (pois as persoas que compartían ficheiros de xeito ilegal recibían unha compensación económica), ou sexa, que estamos ante un modelo de negocio moi difícil de defender actualmente ante un tribunal.

PUBLICIDADE