Uns corenta profesionais achegáronse en Mariñán ao miolo das tecnoloxías móbiles con potencial de negocio

venres, 18 de xullo do 2014 Redacción

O relator Carlos Suero nun intre da xornada

O Pazo de Mariñán, en Bergondo, acolleu este xoves unha xornada para falar arreo de novas tecnoloxías con potencial nos negocios, e tamén para amosalas en detalle. Máis polo miúdo, o que se expuxeron foron as oportunidades das aplicacións e tecnoloxías móbiles como acicate para as nosas empresas, facendo fincapé en como podemos facer para ter máis clientes e vender máis grazas aos dispositivos. A xornada veu da man da Factoría de Innovación da Coruña e contou coa presenza duns corenta empresarios e profesionais procedentes dos máis variados sectores. O encontro desenvolveuse baixo un epígrafe-pregunta, Como captar clientes con tecnoloxía móbil?, e o seu obxectivo foi o de respondela en detalle.
Os recursos asociados aos novos dispositivos e a súa vertente empresarial foi polo tanto o alicerce da xornada. Segundo fixo saber na convocatoria da cita a Factoría da Innovación da Coruña (unha iniciativa da Escola de Organización Industrial e a Deputación da Coruña), “múltiples estudos teñen amosado este últimos que as tecnoloxías móbiles adquiriron xa un papel fundamental nas empresas, converténdose en ferramentas eficaces para atraer a atención dos consumidores e obter importantes vantaxes competitivas”. O problema, sinalaron os organizadores do encontro profesional en Bergondo, é que “existen aínda moitos pequenos e medianos negocios que descoñecen os beneficios que lles pode achegar a aplicación destes sistemas e como introducilos na súa actividade diaria”.
Precisamente cara a pór solución a este tipo de baleiros informativos é cara a onde se dirixen actividades como a organizada en Mariñán. Nela, a Factoría quixo presentar distintas alternativas para o desenvolvemento de solucións tecnolóxicas vía móbil que axuden a incrementar as vendas, cun aforro de custos sen precedentes.
Mónica Citores, consultora da Factoría de Innovación da Coruña, abriu o encontro recomendando aos asistentes adaptar os seus negocios á evolución dos hábitos de compra dos consumidores e insistiu na necesidade de desenvolver estratexias de mobilidade que lles permitan captar máis clientes e mantelos no tempo, reforzar a súa imaxe de marca e ser máis rendíbeis. Animou aos empresarios a comezar con tres sinxelos pasos: adaptar a súa páxina web para smartphones, integrarse en aplicacións de descontos e promocións e crear unha ficha da compañía en Google Places.
A continuación, Carlos Suero, responsable de Publipan, compartiu a súa experiencia no deseño de soportes intelixentes coma as pantallas táctiles, “que permiten ás organizacións ofrecer ao seu público obxectivo atención personalizada en calquera intre e lugar e pór ao seu dispor contidos adaptados ás súas necesidades reais de xeito rápido e eficaz”.
Jacobo Penide, responsábel de Telecon Galicia, centrou a súa exposición no papel da innovación na Smart City, dando a coñecer un sistema de xestión eficiente da enerxía que, a través de tecnoloxía 100% galega, permite obter información detallada do consumo eléctrico no teléfono móbil.
A xornada clausurouse cunha mesa redonda na que David Barajas, de Esgalla; David Bello, de Veintisie7e; Manuel Teixeiro, de Ilux Visual Technologies; e os relatores Carlos Suero e Jacobo Penide; compartiron cos asistentes a súa experiencia e resolveron as súas dúbidas con respecto á implantación deste tipo de tecnoloxía nos negocios locais.

PUBLICIDADE