Unha xornada para docentes afondou no uso da tecnoloxía nos procesos de aprendizaxe

luns, 27 de marzo do 2017 Redacción

O pasado sábado máis de douscentos docentes citáronse en Compostela para afondar na aplicación das Tecnoloxías de Aprendizaxe e do Coñecemento (TAC) no ámbito educativo, co gallo da cuarta xornada formativa EscolaTAC que organiza o Centro de Autonómico de Formación do Profesorado (CAFI) e que está dirixida aos docentes de educación Primaria e Secundaria.
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, deulles a benvida aos participantes neste encontro e cualificou de «crucial» a incorporación da tecnoloxía no ensino e na aprendizaxe en xeral. Nesta liña, sinalou que xornadas coma esta permiten aos docentes aproveitar o potencial de transformación das Tecnoloxías da Aprendizaxe e Coñecemento (TAC) e das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC), integralas nas aulas e convertelas «nun instrumento capaz de mellorar a intelixencia e potenciar a aventura de aprender».
A actividade de EscolaTAC está composta por unha serie de obradoiros nos que abórdase dun xeito práctico e participativo os aspectos tecnolóxicos, pedagóxicos e metodolóxicos máis actuais: a creación audiovisual de pequenas pezas animadas; a robótica en combinación cos teléfonos intelixentes; o traballo por proxectos con tabletas; a creación de comunidades educativas virtuais coa plataforma Agueiro; a experimentación da realidade virtual e a inmersión en mundos creados polos propios participantes; a construción de recursos de aprendizaxe diversos e inclusivos; o enriquecemento de actividades de aula mediante a xeolocalización; o emprego de recursos tecnolóxicos para a atención de alumnos con diversidade funcional; a ludificación nun contexto educativo.

PUBLICIDADE