Unha web galega especializada en cálculos de nómina recibe xa 40.000 visitas mensuais
xoves, 10 de abril do 2008
Seguimos a falar de proxectos web postos en marcha por mans galegas. Desta volta toca facelo do proxecto Calcularsueldoneto.com, unha web que a pouco de ter sido habilitada xa figura en boas posicións nos buscadores e, tamén, no ranking de páxinas visitadas, recibindo xa máis de 40.000 por mes. Mais, que é o que se pode atopar nesta web e por que semella estar espertando tanto interese? Pois a proposta é ben sinxela, non moi innovadora tematicamente pero si na forma (de balde e dixitalmente) e na canle elixida (en liña, as 24 horas do día): trátase de ofrecerlle ó internauta unha ferramenta para calcular datos da nómina e do soldo.
A páxina, que neste intre está accesible en galego, castelán e inglés, inclúe dúas seccións principais que coinciden cos servizos que ofrece: ofrecer soldo neto mensual ou soldo bruto anual.
Facendo uso desta web, con datos actualizados a IRPF 2008, poderemos consultar a nómina de xeito rápido a partir das características máis habituais dos traballadores, ou de maneira máis precisa se incorporamos os pormenores persoais.
Para empregar o servizo, informan os responsables da súa posta en marcha, unicamente teremos que completar eidos como o estado civil, categoría profesional, ano de nacemento, número de pagas e mobilidade xeográfica -só nunha das dúas seccións dispoñibles- e, posteriormente, premer en “calcular soldo”. Os resultados tamén porán ó noso alcance datos como a retención do IRPF ou da Seguridade Social.
Os autores
Calcular Soldo Net.com xa aparece nos primeiros postos dos buscadores Google ou Yahoo! Para comprobalo, só hai que incluír como termos de procura as palabras “calcular sueldo”. Detrás desta iniciativa están dous amigos de Pontevedra (Eduardo Sanín e Alexandre Pedrosa), interesados en habilitar recursos web con diferentes aplicacións financeiras. Un deles dirixe os seus esforzos ó fondo (cálculos, aplicacións) e outro en darlle forma (deseño, transformación de ideas en código binario). A web que comentamos antes comezou tendo 1.500 visitas ó mes, pero hoxe, como dixemos, superan as 40.000, un número maior cás que reciben consultoras nacionais da talla de AFI.