Unha tese da USC achega claves para crear mellores buscadores

martes, 24 de maio do 2011 Fernando Sarasketa

Ronald T. Fernández é o autor da tese

A información non vale de nada se non se pode recuperar cando se precisa e de xeito eficaz. Ou sexa: se non se pode recuperar xusto aquilo que buscamos e no intre en que lle damos a “procurar”. Esta é unha das grandes materias pendentes do noso tempo: a xestión óptima do noso coñecemento. Traballar sobre isto é un dos grandes obxectivos da tese que vén de defender Ronald Teijeira Fernández baixo a dirección de David E. Losada, investigador do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información da Universidade de Santiago (CITIUS). O traballo, presentado baixo o epígrafe Improving Search Effectiveness in Sentence Retrieval and Novelty Detection, propón diferentes tecnoloxías de recuperación de información máis efectivas.
A tese, por certo, obtivo a máxima cualificación (sobresaínte cum laude), foi avaliada por un xurado composto por investigadores integrantes de empresas de primeira liña do ámbito da procura en liña (como por exemplo Google) e de universidades de recoñecido prestixio a nivel europeo no eido da información, como por exemplo a de Glasgow.

O autor da tese en Santiago de Chile (2007)

Segundo informa a USC, o acto de presentación da tese desenvolveuse na Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Santiago. A longo da defensa do seu traballo, Teijeira achegou un estudo pormenorizado sobre o potencial de técnicas de recuperación de oracións (busca específica de construcións gramáticas de interese para o usuario) e detección de novidade (procura de coñecemento novo que deixa de lado o que pode ser redundante) no camiño da mellora da xestión dos datos. “Entre os usos potenciais destas tecnoloxías atópanse aspectos tan importantes na procura web como a creación dos snippets (pequenos resumos das follas web presentados polos motores de busca nas súas páxinas de resultados)”, engade a USC.

PUBLICIDADE