Unha tecnoloxía para axudar ás persoas con problemas de memoria, premiada pola USC

martes, 21 de xuño do 2016 Redacción

As premiadas e os premiados na quinta edición do certame da USC /Imaxe de Santi Alvite

Finalmente entregáronse este luns os premios (cinco) da quinta edición do Concurso de Ideas Empresariais Innovadoras da USC que convoca Uniemprende. Entre as ideas recoñecidas figura unha ferramenta TIC: un asistente persoal para persoas con problemas de memoria. Veu da man do estudante da Escola Técnica Superior de Enxeñaría, Ángel Rodríguez Cerdeira, que achegou para a súa proposta innovadora unha tecnoloxía directamente encamiñada a facilitar o día a día de persoas afectadas por doenzas como o alzheimer ou a demencia.
O sistema ideado por Rodríguez Cerceira estaría integrado nun reloxo intelixente (smartwatch) e encargaríase de proporcionar ao usuario recordatorios sobre as cousas que ten que facer como, por exemplo, tomar os medicamentos; responder preguntas básicas que se lle realicen ou indicar o camiño de volta a casa.
Tamén se recoñeceu o empuxe innovador dun corrector adaptativo de astigmatismo (proxecto de Eva Acosta e Justo Arines, de Óptica e Optometría), un sistema de secado de sangue en matadoiros (de José Manuel Magide e Hiram Varela, da EPS de Lugo), un servizo de depuración-reutilización de augas residuais procedentes da acuicultura (o proxecto Greenaquaculture de Silvia Calaza Mosquera, Cristina Balagones Domínguez e Gregorio Rivadeneira Torres) e unha ferramenta para o fomento da creatividade fóra do contexto escolar (Creative Loading, das psicólogas educativas Noelia Villaverde e Sara Vidal).
Das 147 ideas aceptadas nesta edición, o 49 % foron presentadas por mulleres e o 51% por homes, na súa meirande parte estudantes. Por áreas de coñecemento, destaca a de ciencias xurídicas e sociais, que agrupa o 50% das ideas presentadas, seguida polas ensinanzas técnicas co 18%, as ciencias experimentais e da saúde cun 12% e finalmente ciencias humanas cun 8%.
A entrega de premios celebrouse este luns no Paraninfo da Universidade nun acto que presidiu o reitor Juan Viaño e no que tamén participaron o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; o director da Área de Competitividade do IGAPE, Norberto Penedo Rey; a secretaria xeral de Emprego, Covandonga Toca Carús; a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella; e o adxunto ao reitor para Transferencia, Innovación e Emprendemento, José Manuel Cotos Yáñez.

PUBLICIDADE