Unha sesión formativa no CDTIC afondará no ERP libre Odoo

luns, 15 de xuño do 2015 Redacción

O Centro Demostrador TIC acollerá nas súas instalacións o día 17 de xuño unha sesión demostradora que leva por título Xestión avanzada da produción cos novos módulos de Odoo que se desenvolverá en horario de 16:30 a 20:30 horas e para o que a asistencia é de balde, prevía inscrición vía web.
Nesta actividade presentaranse de xeito práctico os novos módulos de Odoo (sistema de xestión empresarial antes coñecido como OpenERP) para a xestión avanzada dos almacéns e da produción. Estes novos módulos amplían as posibilidades desta ferramenta nas empresas de produción, ademais de presentar as vantaxes dunha aplicación de software libre. Ao longo da xornada explicarase o funcionamento básico e a configuración de OdooMRP, exporase un caso de produción e carga inicial de datos e realizarase un exercicio práctico.
Esta sesión demostradora está especialmente deseñada para empresas de produción, empresas consultoras no ámbito industrial, enxeñeiros industriais e estudantes de enxeñería. Os encargados da súa organización son Anubía, empresa consultora de formación, desenvolvemento e implantación de solucións de software libre para a xestión completa de empresas de aplicación na nube; e a delegación de Santiago de Compostela do Ilustre Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia.

PUBLICIDADE