Unha páxina web galega recompila deseños de aplicacións móbiles para iOS

luns, 7 de outubro do 2013 Marcus Fernández

Ao desenvolver unha aplicacións para dispositivos móbiles é habitual botar un ollo a outros desenvolvementos semellantes durante a fase de deseño, para poder comprobar e contrastar como resolven distintas ferramentas os distintos elementos que compoñen unha app, como pantallas de presentación, listaxes, mapas menús, barras de navegación... Dende a compañía galega Taptil (responsable de desenvolvementos como Pandeireta PRO, bUSCatermos ou Sendegal) son conscientes desta necesidade, e decidiron facilitar a súa solución a través dunha páxina web que veu a luz nos últimos días: iOS-patterns.
Este novo espazo na web conta cunha completa colección de exemplos de deseños extraídos no momento de escribir estas liñas de 37 aplicacións móbiles distintas, que irán ampliándose cada poucos días e que incluso está aberto a suxestións. Deste xeito, a empresa galega de desenvolvemento de aplicacións móbiles quere “axudar a outra xente que poida ter as mesmas necesidades” que o seu equipo de deseñadores, que ten o bo costume de analizar outras aplicacións móbiles para coñecer as últimas tendencias e comparar o xeito no que outros deseñadores abordaron o mesmo problema.
A cousa non remata aí, e dende Taptil aseguran que tamén están a preparar unha páxina web na mesma liña dirixida a recompilar deseños de aplicacións de Android, ante as diferenzas que podemos atopar nas distintas plataformas móbiles, que precisan de abordar certos elementos dun xeito diferente (lembremos que, por exemplo, o iPhone carece de elementos como un botón de atrás e o de opcións, o que afecta substancialmente ao xeito de interactuar con algunhas aplicacións).

PUBLICIDADE