Unha nova páxina web recolle o patrimonio toponímico de Galicia

martes, 11 de maio do 2010 Redacción

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, presentou hoxe a páxina web do Proxecto Toponimia dentro dunha iniciativa que ten como principal obxectivo axudar a salvagardar o riquísimo patrimonio cultural galego a través da recuperación da toponimia da Comunidade Autónoma.
Esta nova páxina web supón un chanzo máis nos labores de recuperación que están a levar a cabo os responsables do proxecto, que arrancou no ano 2000 e que se leva a cabo a través de enquisas realizadas polos técnicos sobre o terreo, aldea por aldea, situando a información recollida sobre fotografías aéreas.
Até o momento, tense traballado sobre 168 concellos e completouse a recompilación de datos en máis dun cento deles, o que se traduce en case 400.000 topónimos que xa se poden consultar na páxina web. Xa se ten recollido información de máis dun terzo do territorio galego e o obxectivo é chegar a cubrir a metade de toda a Comunidade ao longo deste ano 2010.
A información sobre toponimia xerada no proxecto non consiste só nunha simple listaxe de nomes, clasificados por concellos e parroquias, senón que o uso de técnicas cartográficas avanzadas e as novas tecnoloxías permiten que teña aplicación práctica para organismos públicos, entidades privadas e particulares que xestionan o territorio.
Dese xeito, amais de contribuír decisivamente á conservación do patrimonio cultural de Galicia a través da recuperación e ordenamento dos seus topónimos, permite aplicacións prácticas dos resultados do proxecto na elaboración de cartografía, na xestión das emerxencias ou no planeamento urbanístico.
Do traballo que se leva feito ata o momento, despréndese que a densidade media é de 36 topónimos por quilómetro cadrado, sendo a máis elevada ata agora en Cangas (182 topónimos por quilómetro cadrado). O nome que máis se repite, a falta de completar o traballo de campo en todos os concellos de Galicia, é o de A Cortiña, do que xa se levan rexistrados 1.165 casos.

PUBLICIDADE