Unha nova funda dotará de teclado físico ao iPhone 5/5S

luns, 9 de decembro do 2013 Marcus Fernández

A vindeira edición do Consumer Electronics Show (CES) de Las Vegas, que terá lugar a primeiros do mes que vén, será a ocasión que aproveitarán para que vexa a luz o Typo Keyboard, un accesorio para o iPhone que pretende dotar ao móbil de Apple dun teclado semellante ao dos terminais de BlackBerry, e que está a captar moita atención grazas a que está apoiado por unha celebridade da radio e a televisión nos EE.UU., Ryan Seacrest.
Esta funda que engade un teclado ao iPhone 5/5S pode xa encargarse por 99 dólares, e pretende facilitar que os usuarios poidan teclear no móbil máis rápido e con menos fallos que cunha pantalla virtual (e sen ocupar espazo en pantalla). O teclado está dotado de retroiluminación, ten unha batería de 180 mAh que pode recargarse en menos dunha hora a través de USB, incrementa o grosor do iPhone en só un par de milímetros e pesa 39,69 gramos. Conéctase ao iPhone a través de Bluetooth 3.0 e pode funcionar con smartphones que operen con iOS 6 como mínimo.

Typo é unha funda que engade ao iPhone 5/5S un teclado físico


Vídeo promocional do Typo Keyboard

PUBLICIDADE