Unha nova aplicación para Android informa das restricións de mobilidade entre os concellos galegos

xoves, 4 de marzo do 2021 Marcus Fernández

Nun momento no que as restricións sanitarias mudan semana a semana e as limitacións impostas sobre a mobilidade dependen tanto da orixe coma do destino en función do nivel de restricións de cada concello resulta de grande utilidade Restricciones Galicia, unha nova aplicación para móbiles desenvolvida polo experto en Android Saúl Molinero, quen dende Vigo creou esta ferramenta que basicamente limítase a ofrecer información obtida do Servizo Galego de Saúdo e do Diario Oficial de Galicia dun xeito moi accesible.
A nova aplicación para Android conta con dúas grandes opcións: por unha banda a posibilidade de elixir 2 concellos para coñecer a súa incidencia da COVID-19 e amosar se é posible desprazarse entre ambos; e tamén ofrece un mapa de Galicia no que poder consultar detalladamente as restricións por concello.
Restricciones Galicia chegou hai poucas horas á tenda de aplicacións de Google Play, e confíase que nas vindeiras horas sexa doada de localizar e ofreza información actualizada para axudar aos galegos a saber rapidamente entre que concellos poden moverse durante a desescalada. A aplicación, ao funcionar en base a datos oficiais, está en constante actualización, de xeito que nos vindeiros meses pode converterse nunha boa solución para clarexar as dúbidas sobre a mobilidade entre os distintos concellos de Galicia en función da evolución da situación sanitaria.

Restricciones Galicia axúdanos a coñecer as limitacións de mobilidade entre os concellos galegos

PUBLICIDADE