Unha ministra alemá teme que Google se convirta nun monopolio xigante

luns, 11 de xaneiro do 2010 Raquel Noya

A ministra de xustiza alemá, Leutheusser-Schnarrenberger, vén de facer públicas unhas declaracións que, sen medo a equivocarnos, podemos dicir que a gran maioría dos internautas xa tiñamos comentado antes unha chea de veces en privado, ou polo menos xa nos pasara pola cabeza antes de que ela o advertira: “o buscador de Internet, Google, estase a convertir nun monopolio xigante como Microsoft”. A ministra, da cal non imos repetir o nome por razóns máis que evidentes de economía da lingua, afirma que o xigante buscador podería “enfrontarse a accións legais se non se fai máis transparente” e engade que o que agora lle preocupa é que “a firma estea acumulando demasiado poder e información sobre os cidadáns a través de programas como Google Earth e Google Books”. A primeira reacción da ministra, lonxe de prohibilo ou detelo, foi instar ao popular motor de procuras na Rede a engadir máis transparencia e garantirlle aos usuarios “saber o que está a ocorrer cos seus datos en todo momento”; esta engadiu que “é obriga das empresas levar a cabo este tipo de garantías” e advertiu que se isto non sucede pronto, “o seu goberno terá que actuar como lexislador que é”. Na súa defensa, un portavoz de Google en Alemaña dixo que ofrecerlle aos seus usuarios e usuarias unha total transparencia “é parte fundamental da súa política de empresa” e engadiu que “dende Google trabállase constantemente para introducir melloras neste ámbito”.