Unha incidencia deixa fóra de servizo aos robots-aspiradora de Cecotec

mércores, 9 de xuño do 2021 Marcus Fernández

Dende hai preto dunha semana usuarios de robots-aspiradora Conga de Cecotec están a experimentar erros de conectividade que impiden o uso dos dispositivos, o que inicialmente parecía un problema puntual que a compañía atribuía aos operadores de Internet dos clientes, e tras descartarse tal motivo por parte de moitos usuarios, finalmente publicaron un comunicado recoñecendo a incidencia e ofrecendo como solución temporal o uso da aspiradora de xeito manual (o que non soluciona realmente o problema).
Os problemas de conexión afectan principalmente aos modelos de Conga das series 3000, 3490, 3690, 4090 e 5090, impedindo a conexión dende a aplicación móbil coa aspiradora, e curiosamente non afecta a todos os usuarios, pero resulta especialmente preocupante que os produtos estean a fallar por culpa dun problema que estaría nos servidores de Cecotec, pois as aspiradoras Conga só deberían precisar de conexión coa aplicación móbil na rede local, empregándose os servidores externos unicamente para recibir actualizacións.
Se o bo funcionamento das aspiradoras robotizadas de Cecotec depende do bo funcionamento dos seus servidores estamos ante un serio problema, tanto por incidencias como a actual como por unha futura inutilización dos produtos por causas externas (como pode ser o apagado dos servidores ao descatalogarse o produto ou incluso ante o peche da empresa, factor que non debería afectar ao funcionamento dos seus produtos a longo prazo).

PUBLICIDADE