Unha impresora 3D proxéctase a prezos de entre 199 e 299 dólares

luns, 7 de abril do 2014 Marcus Fernández

Na pasada edición do CES de Las Vegas a compañía XYZprinting anunciaba unha impresora 3D que custaría só 499 dólares, o que poderiamos considerar xa un prezo asumible para esta tecnoloxía que está a acadar tanta visibilidade, pero un proxecto de Kickstarter vai axustar o prezo aínda máis, e anuncia The Micro 3D Printer, dispositivo que é posible conseguirse por achegas de mecenas que parten dos 199 dólares, aínda que o prezo ordinario sería de 299 dólares (218 euros + portes de entre 36 e 55 euros), cantidade moi afastada ao que estamos afeitos, sendo posible pagar cantidades superiores para ter prioridade na recepción do produto final (que prevé remitirse aos mecenas entre o vindeiro mes de agosto e marzo de 2015).

A impresora funcionará con filamentos estándar

Esta nova impresora 3D mide 116 x 109 x 113 milímetros (cun espazo para a impresión de 91 x 84 x 74 milímetros), pesa un quilogramo, funciona con diferentes materiais (nailon, ABS, PLA...) dispostos en filamentos estándar (1,75 milímetros) e poderá controlarse mediante software do seu fabricante, compatible con Windows, OS X e Linux (podendo os usuarios máis avanzados tirar proveito do dispositivo mediante aplicacións de código aberto).
Esta campaña de micromecenado buscaba 50.000 dólares para completar o seu financiamento, o que conseguiron en poucos minutos, e incluso multiplicando por 10 tal cantidade, aínda que é de agardar que poidan conter o éxito desta iniciativa grazas á súa intelixente estrutura de achegas, limita a cantidade de impresoras que poidan mercarse a un prezo asumible, para evitar morrer de éxito, e así poder cumprir os prazos establecidos.
Temos así que podemos agardar que o ano que vén estean dispoñibles no mercado pequenas impresoras 3D a prezos inferiores aos 300 euros.

A impresora 3D funcionará con software para Windows, OS X e Linux

PUBLICIDADE