Unha funda engade un proxector ao iPhone 4/4S

venres, 23 de novembro do 2012 Marcus Fernández

Os usuarios que desexen proxectar imaxes dende o seu smartphone non teñen porque adquirir un terminal como o Samsung Galaxy Beam, senón que poden optar por proxectores externos, como unha funda para iPhone 4/4S que 3M vén de achegar a España e que integra un pico proxector DLP capaz de proxectar unha pantalla de entre 6 e 60 polgadas na que presentar fotografías e vídeos. Este proxector ten unha luminosidade de 35 lúmenes, unha resolución un tanto pobre (640 x 480 píxeles) e unha batería recargable por USB que permite unha autonomía de ata 100 minutos de proxección. O 3M Projector Sleeve pode resultar interesante tanto para quen quere compartir contidos de lecer cos amigos e familiares ata para profesionais que desexen poder realizar unha presentación en case calquera localización interior.
O prezo de venda ao público deste accesorio para iPhone en España é de 195 euros, moi superior aos 159,99 dólares (123,38 euros) aos que pode conseguirse nos EE.UU.

A funda de 3M converte o iPhone 4/4S nun proxector portátil

PUBLICIDADE