Unha filial de OSRAM prepara lámpadas compatibles con HomeKit

mércores, 28 de decembro do 2016 Marcus Fernández

LEDVANCE, compañía filial da suíza OSRAM, anunciou que vai levar ao CES de Las Vegas a súa lámpada multicor conectada SYLVANIA A19, que sorprende polo feito de poder controlarse a través de Siri e a aplicación Home de Apple sen precisar dun concentrador (como acontece, por exemplo, coas solucións Philips Hue) de xeito que chega con enroscar a lámpada con Bluetooth para poder sincronizala coa aplicación para iOS e comezar a controlar as luces.
O feito de poder controlar estas lámpadas multicor coa tecnoloxía HomeKit permite que o usuario poida manexalas empregando como concentrador un Apple TV ou un iPad, simplificando o control deste tipo de dispositivos domóticos que poderían manexarse coa aplicación Home e incluso mediante ordes de voz (con Siri). Dado que existen toda unha serie de trebellos domóticos compatibles con HomeKit (termóstatos, peches, portas de garaxe...) sería posible que con só dicirlle a Siri en voz alta que se está a chegar ao fogar para que prendese a calefacción, acendese a luz e abrise a porta dianteira de vez.
As novas lámpadas multicor de LEDVANCE poranse á venda a primeiros de 2017, ano no que está previsto que a compañía presente novos produtos compatibles con HomeKit.

PUBLICIDADE