Unha consola de videoxogos baseada en Android bate marcas en Kickstarter

mércores, 11 de xullo do 2012 Marcus Fernández

O crowdfunding a través de Kickstarter está a converterse en todo un fenómeno que axuda a converter en realidade numerosos proxectos que no pasado terían problemas para acadar financiamento, e os dispositivos electrónicos parecen ser a estrela, e tras o éxito do reloxo Pebble está a causar furor OUYA, unha proposta de consola de videoxogos baseada en Android que cun prezo de 99 dólares e a aspiración de xuntar 950.000 dólares vén de bater un record en Kickstarter con máis de 2 millóns de dólares recadados no seu primeiro día. De feito, o volume económico que están a mover está a levar aos responsables da iniciativa a ver como poden aproveitar este músculo adicional que parece que van a acadar (especialmente porque o proxecto de crowdfunding aínda remata o 9 de agosto, polo que poden conseguir moitos máis cartos do agardado).
A idea de OUYA é bastante sinxela, pois consiste en fabricar unha caixa na que integrar un procesador nVIDIA Tegra 3, 1 Gb de RAM, 8 Gb de almacenamento interno, saída HDMI para conectar o dispositivo a un televisor de alta definición, Wí-Fi N para conectarse á Rede, Bluetooth 4.0 (de baixa enerxía) para comunicarse cos mandos e 1 porto USB 2.0, que funcionaría con Android 4.0 e incluiría un mando sen fíos (cunha cruceta, 2 sticks analóxicos, 8 botóns de acción e 1 botón de sistema) coa posibilidade de adquirir un mando secundario.

OUYA quere levar numerosos xogos free to play ao televisor

Pero o interesante deste trebello sería que construiría unha plataforma de xogo que estaría baseada principalmente no free to play, con títulos tipo League of Legends, Team Fortress 2 ou Triple Town, que poderían xogarse inicialmente de balde (tendo só que pagar no caso de querer acceder a contidos Premium).
Dende o proxecto queren deixar claro que non se trata de conectar un dispositivo con Android ao televisor para gozar de xogos de móbil ou tablet (o que xa podería facerse agora sen moita dificultade) senón que os xogos deberían estar deseñados para OUYA, buscando unha experiencia de uso como a das consolas de videoxogos tradicionais e incluso buscando atraer a desenvolvementos de grande tamaño, que atoparían neste plataforma un xeito evitar as numerosas taxas para editar os seus títulos (en boa medida porque cada OUYA serve como ferramenta de desenvolvemento).
Nun principio estimaban que a consola estaría dispoñible en 2013, pero é posible que a inxección de cartos que van recibir a través de Kickstarter consiga acelerar o proceso, polo que esta revolucionaria consola podería ser realidade antes do previsto.

PUBLICIDADE