Unha campaña de micromecenado pretende facer un novo xogo de loita de Shaquille O’Neal

venres, 7 de marzo do 2014 Marcus Fernández

No outono de 1994 as consolas Mega Drive e Super Nintendo recibiron un xogo de loita bidimensional bastante curioso, Shaq Fu, protagonizado polo polifacético xogador de baloncesto Shaquille O’Neal, quen parece querer resarcirse daquel título que por moitos foi considerado como os peores que se fixeron nunca no seu xénero (aínda que non falta quen o reivindique precisamente por iso), e así temos que Big Deez Productions en colaboración co Shaq iniciaron unha campaña de micromecenado en Indiegogo a través da que buscan xuntar 450.000 dólares para facer realidade o xogo Shaq Fu: A Legend Reborn.
Cómpre detallar que o novo xogo só compartirá dous elementos coa súa entrega orixinal: o nome e o protagonista. Estamos ante un xogo de loita que promete calidade e diversión, que incluso podería chegar ao mercado sen contar cun padriño como O’Neal, pero preferiron ir da súa man. Incluso comentan que o proxecto non se financia só cos cartos recadados a través de campaña en Indiegogo, senón que tamén conta co financiamento do estudio de desenvolvemento e o propio Shaq, de xeito que apostar polo crowdfunding é máis un xeito de coñecer o interese do público por este xogo, á vez que conseguir poñelo baixo os focos.
Shaq Fu: A Legend Reborn sería unha mestura de xogos como Streets of Rage, Street Fighter e Devil May Cry, no que definen como un beat’em up moderno, no que Saquille O’Neal fará uso de centos de movementos e técnicas de combate para derrotar a milleiros de inimigos en numerosos escenarios e incluso contando cun modo cooperativo que tanto agradece este xénero.
Está previsto que o xogo saia á venda en tendas a un prezo de 29,99 dólares, aínda que os que se fagan con el a través de Indiegogo só terán que pagar 15 dólares pola súa versión dixital ou 25 dólares para a edición que incluirá todos os contidos descargables que sairán para o xogo durante todo o seu ciclo de vida (valorados en máis de 200 dólares). Tamén será posible facer achegas superiores para conseguir outras recompensas como un personaxe exclusivo, acceso á versión de proba, copia da banda sonora, distinta mercadotecnia, poder asistir á festa de lanzamento do xogo, unha figura ou un balón asinados por Shaq, que o xogador de baloncesto siga ao mecenas en distintas redes sociais, aparecer no xogo e incluso cear co mesmo Shaquille O’Neal. Polo momento conseguiron superar os 54.000 dólares recadados, quedando aínda 44 días para completar esta campaña que podería facer que o Shaq Fu orixinal quedase no esquecemento para que unha versión máis digna poida estar presente nos nosos ordenadores persoais.

O propio O’Neal prestouse para facer a captura de movementos do seu personaxe

O novo Shaq Fu preséntase como un beat’em up moderno


Trailer de adianto do xogo

PUBLICIDADE