Unha aplicación web permitirá afondar no Camiño de Santiago padronés

luns, 21 de outubro do 2019 Redacción

O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, salientou o pasado venres o vínculo de Padrón coa tradición xacobea na presentación dunha aplicación web. A iniciativa, denominada Creando consciencia coa Pedronía, e promovido polo Concello de Padrón está incluída dentro do programa O teu Xacobeo impulsado pola Xunta e busca potenciar a riqueza patrimonial da vila coruñesa e a súa comarca.
Este proxecto permitirá poñer en valor a riqueza das lendas e tradicións da zona, así como o patrimonio inmaterial vinculado ao Camiño de Santiago nesta vila coruñesa, pola que chegou a Galicia o corpo do Apóstolo. Román Rodríguez destacou que este tipo de iniciativas, achegadas desde a sociedade, reflicten o carácter participativo do próximo Xacobeo 21 e permiten xerar novos produtos turísticos e culturais a nivel local para poñer en valor o vindeiro Ano Santo.
O proxecto dixital, coordinado por Latexos de Turismo, nunha primeira fase consistirá na elaboración de entrevistas e gravación de vídeos e audios para recompilar a información que posteriormente publicarase nunha ferramenta web que busca pór en valor o Camiño de Santiago no seu paso pola vila de Padrón, e así animar a peregrinos, turistas e visitantes a percorrer esta ruta.

PUBLICIDADE