Unha aplicación para achegarmos pagos aos músicos das rúa imponse no Hackaton de Snap
martes, 27 de xaneiro do 2015
Esta fin de semana
celebrouse o Hackaton de Snap en Madrid, un encontro organizado por
Popular Payments no que
se trataba de elixir a aplicación máis salientábel de cantas se
argallaron integrando a
plataforma de pagos Snap. Os gañadores, finalmente, foron os
responsábeis dunha aplicación para artistas da rúa que integrou a
devandita tecnoloxía para permitirnos aos viandantes formalizar
pagos aos creadores urbanos que máis nos gusten e empregando o noso
dispositivo móbil “no canto de con diñeiro físico”.
Mediante esta ferramenta,
o artista disporá dunha etiqueta NFC ou dun código QR que
facilitará aos cidadáns a información precisa para levar a cabo a
contribución económica en liña. O enxeño foi deseñado no
transcurso do hackathon, que reuniu a unha trintena de
desenvolvedores.
Durante máis de 12 horas
os equipos participantes crearon aplicacións móbiles e web
acubillando Snap para procesar pagos a través de Internet. O equipo
gañador, Performband, composto por Alejandro Rodríguez Salamanca,
Francisco Javier Honduvilla e Jorge Rodríguez Dueñas, recibiu
varios dispositivos tecnolóxicos e terá a posibilidade de dar
visibilidade á súa aplicación.
Segundo fixeron saber os
responsábeis da proba, “o hackathon é unha experiencia moi
estimulante que permite coñecer persoas coas túas mesmos intereses
e que ademais pode converterse nunha plataforma profesional".
Elena Álvarez, directora de desenvolvemento de negocio de Snap e
membro do xurado do certame, “trátase dun éxito tecnolóxico que
deixa claro que a plataforma de pagos pode ser integrada por calquera
comercio en menos de 24 horas. Para nós a relación coa comunidade
de desenvolvedores é fundamental xa que co coñecemento de volta
xerado podemos seguir traballando para implementar as fortalezas de
Snap”.