Unha aplicación móbil axuda a localizar os bares que serven tapas coa consumición

luns, 27 de marzo do 2017 Marcus Fernández

Para topar locais de hostalaría que se axusten ás nosas demandas é habitual empregar ferramentas como TripAdvisor, Foursquare e semellantes, pero para usos máis específicos hai oco para novas aplicacións como Tappear, que vén de estrearse na App Store e en Google Play, onde pode descargarse completamente de balde converténdose nunha interesante proposta para todos aqueles galegos ou turistas na nosa comunidade que gusten de degustar unha tapa acompañando ás súas consumicións.
Tappear facilita a localización e o descubrimento de bares que serven tapas coas consumicións, de xeito que esta sinxela ferramenta indícanos locais nas nosas proximidades así como información de interese como os seus horarios, as súas especializadas e a dispoñibilidade de terraza, enriquecendo a ficha de cada establecemento con fotografías das tapas que preparan e con atallos para a súa localización no mapa, visitar a súa páxina web oficial e incluso para contactar co local por teléfono.
Estamos ante unha aplicación moi visual, xa que a forza da mesma recae nas fotografías, e aínda que actualmente o catálogo de locais e de imaxes aínda é limitado, no futuro procurarán que a participación dos usuarios propicie o engorde desta relación de bares que teñen o costume de ofrecer tapas aos seus clientes como cortesía.
Para facer máis accesible esta aplicación, Tappear está dispoñible en galego, español e inglés, ou sexa, que tanto os galegos como a xente que veña de fóra poderá tirar proveito da ferramenta para gozar dunha face fundamental da nosa gastronomía.

PUBLICIDADE