Unha alternativa ao Chromecast baseada en Firefox OS verá a luz grazas ao micromecenado

mércores, 1 de outubro do 2014 Marcus Fernández

Nos últimos meses deuse conta de que dende Mozilla estaban a traballar nunha alternativa ao Chromecast de Google baseado en Firefox OS, e para que este produto vexa a luz chegou estes días a Kickstarter unha campaña de captación de fondos que en poucas horas conseguiu trunfar, superando os 100.000 dólares precisos para que sexa realidade o MatchStick, o primeiro dispositivo HDMI baseado no sistema operativo de Firefox que busca levar contidos multimedia e xogos aos televisores de alta definición cun prezo moi axustado.
O MatchStick permite que poidamos cargar nunha pantalla de alta definición contidos da Rede achegados a través de Wi-Fi, o que facilitaría o consumo de contidos de lecer no ámbito doméstico á vez que tamén serviría como unha solución para a realización de presentacións profesionais, sempre apostando por unha plataforma na que o hardware e o software están abertos, xa que este trebello sería o primeiro produto deste tipo certificado para Firefox OS.
As posibilidades do MatchStick son practicamente as mesmas que as do Chromecast, pero parte dun prezo de 18 dólares (18,22 euros) a través de Kickstarter, o que supón unha importante rebaixa fronte o modelo comercial final, que venderase a 25 dólares, continuando a ser máis económico que o Chromecast, que oficialmente véndese a 35 euros (aínda que sexa posible mercalo por 17,99/22,99 euros a través dunha promoción, polo que dá a impresión de que o prezo non debería ser o factor decisivo para a compra do MatchStick, senón a súa proposta aberta). Os mecenas comezarán a recibir o seu MatchStick a partires do mes de marzo de 2015, aínda que os desenvolvedores xa poderán facerse coas unidades de proba a partires do mes que vén.

O MatchStick é un trebello pequeno e transportable, que dota a pantallas con entrada HDMI de capacidades propias dun Smart TV

PUBLICIDADE