Uncharted 4 recibe de balde o modo de xogo Cazador de Recompensas

xoves, 22 de setembro do 2016 Marcus Fernández

Que Uncharted 4 é un dos xogos máis esperados para PlayStation 4 non era ningunha sorpresa, de xeito que é un dos máis firmes candidatos a ser considerado o Xogo do Ano por moitas publicacións, e para conseguir tal dende Naughty Dog están a seguir unha política exemplar para manter vivo o xogo durante meses, xa que os contidos descargables posteriores ao lanzamento da derradeira aventura de Nathan Drake están dispoñibles como actualizacións de balde, como a que vén de chegar.
En xuño Uncharted 4 recibiu a actualización Tesouros Perdidos para o modo multixogador, e agora temos dispoñible unha actualización do xogo que achega o novo DLC, Cazador de Recompensas, que inclúe un dos mapas clásicos favoritos dos usuarios (a aldea de Uncharted 2), novas ferramentas para capturar e crear vídeos de gameplay (engádese un Modo Cine), un modo de xogo por obxectivos totalmente novo, novas armas, e moito máis.
O novo modo Cazador de Recompensas premia o traballo en equipo, a estratexia e a habilidade dos xogadores repartidos en dous equipos que compiten para acadar a máxima puntuación a base de recoller recompensas dos inimigos abatidos. Cada vez que tombamos a un xogador, este solta unha recompensa valorada en 10 puntos que o xogador ou os seus compañeiros deberán recuperar antes de que un inimigo a arrebate. Durante as partidas tamén asignarase a un dos membros de cada equipo o rol de capitán, de xeito que quen o abata conseguirá unha recompensa valorada entre 60 e 120 puntos para a puntuación xeral do equipo, de aí que sexa importante a coordinación dos xogadores para poder recoller estas recompensas.

Vídeo promocinal do último DLC de Uncharted 4

PUBLICIDADE