Unayta dixitaliza as actas consistoriais do Concello de Pontevedra

xoves, 4 de abril do 2019 Fernando Sarasketa

Unayta, empresa de servizos TIC con sede en Milladoiro (Ames), vén de realizar un relevante labor de dixitalización de documentos para o Concello de Pontevedra. Neste caso concreto, os traballos centráronse nas actas consistoriais que están en posesión do Consistorio. Segundo informa Unayta, este tipo de arquivos adoitan ter un gran potencial para coñecer a historia e a evolución dunha vila ou unha cidade, e tamén as persoas que traballaron na vida pública local. En concreto, a empresa de Ames acometeu o tratamento das actas do Arquivo Municipal de Pontevedra comprendidas entre o ano 1969 e o 2004.
Segundo informa Unayta, o labor serviu non só para reivindicar unha parte da historia da cidade e adaptar o seu coñecemento aos novos formatos e metodoloxías, senón tamén para atopar documentos “verdadeiramente interesantes”, precisamente por ser o período abordado un período de relevantes acontecementos históricos, políticos, sociais e económicos: a ditadura de Franco, a posterior transición até a democracia, o asentamento da mesma nas décadas vindeiras, etc. Deste xeito, os profesionais de Unayta atoparon respostas concretas sobre como se viviron os devanditos cambios na cidade, sobre o que se falou no pleno anterior á morte do ditador ou sobre cales eran os temas que máis preocupaban á sociedade e aos seus representantes durante o errado golpe de Estado do 1981.
O proceso de recuperación e tratamento de arquivos arrincou con libros de actas manuscritos: “Dixitalizalos é moi importante para que non se perda o seu contido, xa que tanto a tinta como a humidade e o uso dos mesmos libros poden afectar á súa conservación”. A continuación abordouse o tratamento dos contidos mecanografados, que xa son máis recentes. “Na actualidade os libros de actas son dixitais polo que o acceso aos mesmos é máis rápido e directo”, explican, engadindo que con este proxecto preténdese achegar, conservar e facilitar o acceso á información que o cidadán necesite sen necesidade de botar man dos libros físicos das actas do Concello de Pontevedra.


PUBLICIDADE