Unayta cataloga e dixitaliza os cen anos de historia da Coral De Ruada
mércores, 6 de novembro do 2019
Unayta,
empresa galega centrada en servizos dixitalización documental,
sinatura biométrica e redes sociais, vén
de xuntar forzas coa Coral de Ruada para universalizar, preservar e
poñer en valor os seus arquivos, un máis que relevante legado
histórico e artístico da nosa terra. De feito, a Coral de Ruada
é unha das agrupacións musicais máis antigas de Galicia, xurdida
en Ourense no contexto de reivindicación da cultura galega iniciada
polas Irmandades da Falas, impulsadas a comezos do século XX por
intelectuais como os irmán Vilar Ponte, Vicente Risco, Ramón Otero
Pedrayo, Losada Diéguez, Ramón Cabanillas ou Florentino López
Cuevillas, entre outros.
Agora,
tras máis de cen anos de andaina, a Coral encomendoulle á devandita
empresa TIC con sede en Milladoiro (Ames) a ordenación, catalogación
e dixitalización dos seus fondos, un proceso que optimizará a
organización dos seus documentos e partituras “ao mesmo tempo que
espallará a súa traxectoria”, explican dende Unayta. O tesouro
patrimonial da Coral inclúe fotografías, cartas, partituras, discos
e carteis: as diferentes partes dun amplo arquivo documental que
“narra a realidade da cultura ourensá e galega dos últimos cen
anos”.
O
labor de Unayta centrouse na ordenación e catalogación arquivística
dos fondo para poder coñecer as riquezas que estes gardan, darlles o
valor que estas merecen e “facilitar unha sinxela recuperación por
parte de calquera usuario que queira acceder ó arquivo”, sinalan
fontes da empresa, engadindo que o devandito proceso foi “o paso
previo do proceso da dixitalización da documentación, que
aseguraría a súa preservación futura e, de igual xeito, promover o
seu acceso e utilización”. O labor por enteiro foi proporcionado
ao arquivo musical da Coral De Ruada.