Un xulgado solicita o "cesamento de emisións" de Rojadirecta

luns, 22 de xuño do 2015 Marcus Fernández

Mediapro deu conta hoxe do feito de que o Xulgado Mercantil nº 11 de Madrid ordenou o peche inmediato das emisións ilegais de partidos da Liga de Fútbol Profesional a través de da páxina web galega Rojadirecta.me atendendo ás medidas cautelares solicitadas por Mediapro e Gol T, indicando que, no caso de que os responsables non cesasen as emisións nun prazo de 7 días, a xuíz ordenará aos prestadores de servizo a “que suspendan a transmisión, o aloxamento de datos, o acceso a redes de telecomunicación ou calquera outro servizo equivalente”, e dicir, que tomarán medidas para impedir a difusión da citada web.
Estas medidas cautelares formarían parte dun proceso xudicial contra Rojadirecta.me e o seu principal promotor, Igor Seoane, por infracción de dereitos de propiedade intelectual e competencia desleal, por considerar os denunciantes que tal espazo na web non se limita a enlazar retransmisións deportivas en vivo, senón que tamén sería promotora e, en moitos casos, emisora das retransmisións, lucrándose diso.
Aseguran que “existen indicios de que a actividade desenvolvida pola web rojadirecta.me supón unha vulneración dos dereitos de produción de gravacións audiovisuais e radiodifusións” ao que engaden que “se realiza coa colaboración consciente dos demandados”.
Cómpre destacar que en 2010 xa se arquivou definitivamente a causa contra Rojadirecta por mor dunha denuncia de Audiovisual Sport en 2007, resolvéndose que Rojadirecta nin realiza retransmisións nin aloxa contidos audiovisuais, o que contrasta cos resolución actual, de difícil cumprimento, xa que resulta evidente que a páxina web denunciada non realiza retransmisións de vídeo por si mesma, senón que limítase a recompilar retransmisións de terceiros. O bloqueo dos seus contidos tamén podería ser algo complexo, como se demostrou con moitas outras páxinas web supostamente bloqueadas no pasado, á que en moitos casos é relativamente doado acceder mediante nomes de dominio alternativos (de feito, Rojadirecta mudou de dominio de primeiro nivel en numerosas ocasións), servidores de DNS situados fóra de España ou outras prácticas que converten a meirande parte de medidas de control en simples atrancos temporais.
ACTUALIZACIÓN: Rojadirecta apelará as medidas cautelares.

PUBLICIDADE