Un videoclub virtual galego ofrece pola Rede películas de balde a cambio de publicidade

xoves, 2 de agosto do 2007 Marcus Fernández

A empresa galega Nai Entertainment, S.L. ten un videoclub en liña que vén de sacar ó mercado unha nova opción que permite ver e descargar películas de balde en calidade DVD a cambio da visualización de publicidade, complementando así os seus servizos de aluguer e venda de películas a través da Rede.
As películas comercializadas baixo esta plataforma se extraen dos DVD orixinais, de xeito que garanten unha boa calidade de imaxe e son, mentres que os tempos de descarga de películas completas son bastante reducidos (entre 30 minutos e 1 hora).
Neste intre poden ver de balde as películas Ciudad Sin Ley e Trece Badaladas, que están a contar co patrocinio dunha tenda de vestidos para noivas de Noia, recomendándose unha conexión á rede cunha velocidade a 1 Mbps para ver as películas mediante streaming.
Este tipo de solución de financiamento da publicación de películas na Rede mediante o patrocinio podería gozar de moito éxito no futuro, por combinar un prezo inmellorable coa calidade e precisión (non tendo que padecer as desvantaxes de redes P2P nas que aparecen copias falsas de películas ou versións de calidade deplorable), sorprendéndonos que esta iniciativa nacese dunha empresa sita en Bertamiráns (Ames).

PUBLICIDADE