Un teléfono móbil básico aposta pola luz para unha interacción silenciosa

venres, 15 de maio do 2015 Marcus Fernández

Destacar en Kickstarter non resulta doado, pero algunhas veces conséguese con produtos que resultan abraiantes máis polo seu concepto e deseño que pola súa utilidade real, o que parece ser o caso de The Light Phone, un teléfono móbil que busca 200.000 dólares para converterse en realidade en maio de 2016 e que sorprendería por ter o tamaño dunha tarxeta de crédito e optar pola luz como xeito de informar da recepción de chamadas, en vez de contar con tons de chamada.
Este curioso teléfono buscaría así non distraer ao usuarios con molestos sons, funcionando simplemente como teléfono básico coas vantaxes de ter unha autonomía en espera de até 20 días (o que o faría axeitado como móbil para emerxencias) e que incluso podería servir como o primeiro teléfono móbil dun cativo, aínda que ten unha barreira que claramente afastará a case todos os usuarios: o seu prezo é de 100 dólares (87,97 euros).
The Light Phone medirá 85,6 x 53,98 x 4 milímetros, pesará 38,5 gramos, e incorporará un procesador MTK6250, unha pantalla de matriz de puntos, rañura para unha tarxeta mini SIM, funcionaría en redes GSM, podería almacenar até 10 números de marcación rápida e interactuaríase con el a través dun teclado numérico táctil e botóns de control de volume e acendido. Temos así un orixinal concepto, de utilidade moi discutible (principalmente por carecer de ton de chamada), aínda que co detalle de estar orientada a ter o menor uso posible, o que é xusto o contrario do que buscan o resto de dispositivos.
O teléfono distribúese cun cargador mini USB e unha tarxeta SIM con 500 minutos (para EE.UU.) e como complemento os seus desenvolvedores están a preparar unha aplicación para o noso smartphone principal que reenviaría ao The Light Phone só as chamadas que consideremos importantes, de xeito que este novo dispositivo sería como unha extensión do teléfono principal para os momentos de descanso.

PUBLICIDADE