Un software galego para loitar contra a falsificación, premiado pola USC

xoves, 22 de maio do 2008 Fernando Sarasketa

Feita a Rede (con millóns de internautas en liña e millóns de documentos viaxando de aquí para alá, moitos deles de natureza especialmente privada), feita a necesidade de protexela. Que significa todo isto? Pois en boa medida que para cada usuario da Internet sempre hai -como mínimo- outro usuario para suplantalo. De protexer a información é do que trata precisamente o proxecto gañador do primeiro premio da oitava edición do Concurso de Proxectos Empresariais convocado pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). A empresa recoñecida co galardón (nada ó abeiro da incubadora da Cámara de Comercio de Vigo) chámase Bit Oceans e está dirixida por un investigador novo da Universidade de Vigo, Alberto Malvido, e dous mestres da USC, Fernando Pérez e Óscar W. Márquez.
A firma, tan nova coma este ano en curso, vén de presentar o software Fividoc, unha ferramenta deseñada para cubrir boa parte das necesidades de seguridade dunha entidade calquera que distribúa documentos oficiais, ben sexa do eido público ou do privado.
Segundo indicaron os seus responsables, con Fividoc fica resolto o problema da falsificación documental e todo sen que sexa preciso incorporar unha longa listaxe de equipos tecnolóxicos informáticos. De feito, din, só se requiren impresoras e escáneres sen máis para atopar os fraudes no contido mesmo dos documento ou para protexelos xa previamente.
A tecnoloxía, engaden, permitirá amais a obtención telemática de documentación oficial, documentos de identificación, compulsa dixital e verificación automática de documentación. Por este e outros motivos, Bit Oceans obtivo finalmente o primeiro premio do certame, dotado con 9.000 euros e encamiñado a darlle azos á innovación e ao espírito emprendedor entre a mocidade galega alí onde se atope.
Con todo, a USC deu a coñecer máis galardóns. Como por exemplo os que foron dar a mans de Xenotech Laboratorios (5.000 euros) e Paralaxe (2.000), segundo e terceiro premio do certame, respectivamente. Por certo que Xenotech concorreu nos premios cun servizo integral de análise e consultaría de calidade e seguridade alimentaria e do medio ambiente, mentres que Paralaxe fíxoo cunha proposta para a produción e para a distribución de produtos multimedia de realidade virtual, “empregando procesos que achegan un grao de flexibilidade e rapidez superior á media do mercado actual”. Segundo indica a USC, o proxecto xira arredor dunha web colaborativa destinada que ofreza os mellores prazos de deseño dos proxectos. Detrás desta iniciativa están os profesores de Electrónica e Computación José Manuel Cotos Yáñez e Julián Flores González e os investigadores do Instituto de Investigacións Tecnolóxicas da USC Ramón Martín Calderero e Vanesa Sobadrelo.
No que atinxe á categoría de Empresa Xove, o xurado salientou finalmente a proposta de IDM Maquinaria Automatizada, premiando (asemade) á firma Inbiogal na categoría Muller Emprendedora. Polo que respecta á modalidade Proxecto Medioambiental, foi a empresa Sonen quen obtivo finalmente o recoñecemento. Estes tres últimos recibiron 2.000 euros cadanseu.

PUBLICIDADE