Un sitio financiado por Google realiza estudos de ADN pola Rede

xoves, 22 de novembro do 2007 Raquel Noya

A páxina web 23andMe, correspondente a unha compañía californiana financiada polo buscador Google, ofrécelle ós seus usuarios a posibilidade de realizar estudos de ADN completos por un total de 999 dólares.
Os interesados en coñecer os segredos que oculta o seu código xenético só teñen que enviar por correo unha mostra de saliva e a empresa faralles chegar por correo electrónico un exhaustivo estudo da súa composición xenética.
Como se das previsións dun curandeiro á antiga usanza se tratase, amais de conter a predisposición dos usuarios a padecer certas doenzas, o devandito informe contén datos moito máis banais como o seu grao de parentesco con personaxes célebres ou posibles tratamentos preventivos que os usuarios poden realizar de acordo ó seu perfil xenético.
A cofundadora desta empresa, Anne Wojcicki, que está casada cun dos fundadores de Google, asegura que a información que se lle ofrece ós usuarios “contén unha interesante perspectiva na xenética individual” e un dos principais obxectivos é “espallar o coñecemento colectivo permitindo a participación activa na investigación”.
Ademais de Google, que investiu uns 4 millóns de dólares no sitio, outros grupos como o de biotecnoloxía Genentech ou a firma de capital risco New Enterprise Associates tamén fixeron importantes investimentos neste proxecto pioneiro a nivel mundial.

PUBLICIDADE