Un simulador en liña permite comprobar como se ve unha páxina web en dispositivos móbiles

xoves, 13 de xuño do 2013 Marcus Fernández

Nos últimos anos, aínda que os ordenadores portátiles seguen a ser os dispositivos máis habituais para o acceso á web, medraron considerablemente os accesos dende móbiles, o que en moitos casos abordaban numerosos deseñadores desenvolvendo páxinas web móbiles claramente diferenciadas, pero pouco a pouco vai collendo forza a tendencia de apostar polo deseño web adaptativo, que consiste en crear as páxinas web tendo en conta as distintas dimensións de pantalla nas que poden verse, de xeito que os seus elementos adoptan unha posición e tamaño en función da pantalla na que se amosan, de xeito que a mesma páxina verase de distinto xeito nun PC e nun móbil.
Para facer doado comprobar se unha páxina web conta cun deseño adaptativo, e ver dun xeito aproximado como se vería en distintos dispositivos, o estudio compostelán Windsock achega a través da súa páxina web un simulador que permite introducir un enderezo web para comprobar como se vería cos tamaños de pantalla de distintos tablets e smartphones tanto en vertical como en horizontal, aínda que en todos os casos correndo a páxina co motor web que teñamos no nosos ordenador (de aí que non sexa unha simulación completa) o que pode ser suficiente para realizar as comprobacións máis básicas e para comprobar rapidamente as bondades do deseño web adaptativo.

PUBLICIDADE