Un ransomware afecta a ordenadores da rede interna de Telefónica

venres, 12 de maio do 2017 Marcus Fernández

Mensaxe que puido verse en equipos da rede interna da sede madrileña de Telefónica

A media mañá «detectouse un incidente de ciberseguridade que afectou aos PC dalgúns empregados da rede corporativa interna» de Telefónica, segundo recoñece a compañía nun comunicado no que aseguran que activaron o protocolo de seguridade para este tipo de incidencias coa intención de que os ordenadores afectados funcionen con normalidade o antes posible.
Hai medios que comentan que preto das 12:00 horas varios equipos da sede madrileña de Telefónica comezaron a ver pantallazos azuis nos seus equipos, informando dun erro de disco, e pouco despois un aviso por megafonía instou a desconectar inmediatamente os ordenadores, o que resultou bastante rechamante, xa que ese tipo de comunicación está reservada a alarmas de incendio. Comentan que só habería 100-150 ordenadores afectados duns 40.000, e dada a existencia de protocolos de actuación non debería haber consecuencias graves deste ataque.
Este tipo de incidente non afectaría aos clientes da compañía, pero coincide con ataques a un elevado número de empresas españolas, ou sexa, que Telefónica sería unha afectada máis nunha vaga de ataques dun ransomware coñecido polo nome de WannaCry e que, como moito malware semellante cifra os arquivos do sistema e das unidades compartidas en rede, afectando a numerosas versións de Windows aproveitando un fallo de seguridade corrixido hai un par de meses, deixando clara a importancia de contar cun sistema informático actualizado para evitar este tipo de problemas de seguridade.
No caso deste ransomware o software malicioso esixe o pagamento dunha cantidade económica en Bitcoins a xeito de rescate (falan duns 300 dólares), coa ameaza de incrementar a suma esixida de non ceder ás esixencias en 3 días e de eliminar completamente os ficheiros cifrados tras unha semana.
Coméntase que outras compañías con problemas semellantes poderían ter sido KPMG, BBVA, Banco Santander, Iberdrola ou Vodafone, pero ningunha das empresas recoñeceu tal información e incluso algunha chegou a desmentila rotundamente, asegurando que están a traballar con normalidade. Medios internacionais advirten de que o ransomware en cuestión estaría a afectar tamén a usuarios de Reino Unido, Italia, Portugal, Rusia e Romanía

ACTUALIZACIÓN: Ao remate da xornada detectáranse máis de 80 mil incidentes con ransomware WCrypt en case todo o mundo.

ACTUALIZACIÓN (2): Microsoft publicou un comunicado no que insiste no feito de que o ransomware coñecido como Ransom:Win32.WannaCrypt fai uso dun fallo de seguridade que a compañía de Redmond solucionou o pasado mes de marzo, polo que os usuarios que instalaron as actualizacións de seguridade correspondentes terían a súa rede a salvo da infección por este malware, e incluso o software de antivirus de balde de Microsoft ofrece protección contra esta ameaza, pero ante o elevado número de incidentes que xurdiron nas últimas horas a compañía decidiu publicar máis ferramentas de detección e protección contra esta ameaza e puxéronse a traballar intensivamente cos clientes que precisaron de soporte adicional para asegurar os seus sistemas.

PUBLICIDADE